Noticias

A Deputación de Pontevedra continúa co seu apoio ao deporte na provincia repartindo 1,2 millóns de euros entre 132 clubs de tódalas especialidades

Ademais dos 81 equipos que participan en competicións federadas de ámbito nacional, recibirán as achegas os 51 do deporte náutico, con clubs de remo, piragüismo e vela


20 setembro 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o gasto de 1,2 millóns de euros destinados a novas subvencións ao deporte das que se beneficiarán un total de 132 clubs da provincia. En concreto, destinaranse 775.000 euros para clubs deportivos que participan en competicións federadas no ámbito nacional, e outros 473.500 para clubs de deportes náuticos, co obxectivo, en ambos casos, de apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais.

No caso dos clubs federados que compiten en ámbito nacional, serán 81 os beneficiados destas axudas. Trátase de entidades de múltiples disciplinas deportivas, como o atletismo, balonmán, ciclismo, judo, tenis de mesa ou voleibol. E, no caso das subvencións ao deporte náutico, destinaranse a 51 clubs de remo, vela e piragüismo. Para os primeiros destinaranse 141.5oo euros, mentres que 71.500 euros serán para clubs de vela e 260.500 euros para os de piragüismo.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que este ano a institución destina en conxunto un investimento de máis de 3 millóns de euros ao deporte da provincia, no marco da súa firme aposta por este eido. "Somos unha grande referencia en deporte e queremos seguir apostando para que os clubs teñan os recursos para poder manter a súa actividade, máis agora nestes tempos complicados de pandemia", destacou.