Noticias

A Deputación contará cun novo plan de autoprotección para evitar perigos en Príncipe Felipe

O documento pretende previr e controlar riscos sobre os usuarios e bens do centro en situacións de emerxencia


22 xullo 2017
Principe Felipe

A Deputación de Pontevedra está a traballar na elaboración dun novo Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe co fin de previr e controlar os riscos sobre os usuarios e bens do centro en situacións de emerxencia. Segundo indicou a deputada Eva Vilaverde, este documento é obrigatorio para calquera establecemento de uso residencial público, mais os anteriores gobernos provinciais nunca o chegaron a aplicar.

A implantación do novo Plan de Autoprotección pretende previr e controlar os perigos que poidan sufrir calquera dos traballadores e menores que diariamente se atopan no centro. Neste novo documento definirase cal é a estrutura de actuación ante unha situación de emerxencia, analizaranse as posibles situacións que poden desencadear a citada emerxencia (incendios, catástrofes naturais… ), e definiranse as accións que se deben planificar cando se desencadena.

Segundo os cálculos realizados pola dirección de Príncipe Felipe, o Plan de Autoprotección afectará a unhas 1.340 persoas que pertencen tanto aos centros de acollemento, á escola infantil, ao CEIP, ao Carlos Oroza, ao instituto Montecelo como ao centro de Educación Especial. "O Príncipe Felipe é un centro de centros que funciona ininterrumpidamente durante todo o ano e hai usuarios de moi diferentes perfís. Os técnicos propuxeron a suplementación de 33.000 euros no orzamento deste ano para realizar este plan, que aumentará a seguridade, e déuselle para adiante de inmediato porque é preciso cumplir con todas as esixencias legais", subliñou a deputada delegada Eva Vilaverde.

O Plan, que será redactado por unha asistencia técnica, está en fase de contratación. Presentáronse á licitación nove empresas interesadas, e os servizos técnicos da Deputación están a avaliar as ofertas para realizar a adxudicación, que con toda probabilidade se pechará en outono. Unha vez elaborado o plan -nun prazo de catro meses- deberá presentarse no rexistro da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, polo que, se se cumpren as previsións, poderá estar operativo a principios de 2018.

Un documento práctico e revisable

O desenvolvemento e aplicación do Plan de Autoprotección realizarase cos medios e recursos cos que conta Príncipe Felipe. Serán os responsables dos centros alí existentes os que se encargarán da súa implantación, mantemento, divulgación entre os usuarios, e tamén da organización de realización de simulacros, así como da decisión de accións en caso de emerxencia -como podería ser a evacuación de edificios en caso dun incendio-. Tamén realizarán propostas de melloras que poidan afectar á seguridade nas instalacións. Segundo indica Vilaverde, a modificación do plan "será constante, xa que dende a Dirección vaise intentar que sexa un documento práctico e suxeito a revisión debido a que os usuarios do centro son un factor variable no tempo".

A deputada nacionalista explica que a necesidade de redactar un Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe non vén única e específicamente da existencia de menores con condutas disruptivas, aínda que recoñece que o feito de existir perfís deste tipo na actualidade incrementa as posibilidades de que poidan ocorrer situacións de emerxencia. Hai que lembrar, en calquera caso, que nestes momentos existe un principio de acordo coa Xunta de Galicia e a Deputación para eliminar a derivación de menores conflitivos que xeran situación de violencia nos centros de acollemento provinciais.

Vilaverde apunta que o Plan foi contratado, principalmente, debido a que a lexislación establece que é de obrigatorio cumprimento a redacción dun documento destas características para aqueles establecementos públicos "nos que se desenvolvan actividades de residencia ou centros de día destinados a anciáns, discapacitados físicos ou psíquicos, ou aqueles nos que habitualmente existan ocupantes que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios e que afecten a 100 ou máis persoas".

"Na nosa intención está mellorar Príncipe Felipe en todos os ámbitos: queremos potencialo e que cumpla con todas as garantías para dar o mellor servizo aos menores, tamén dende o punto de vista da seguridade. Por iso estamos a traballar, para que sexa un recurso o máis axeitado posible para os nenos e nenas que alí están", subliñou Vilaverde.


Novas relacionadas

Instalacións de Príncipe Felipe

21 out 2015, centro príncipe felipe, eva vilaverde, miguel anxo fernández lores