Noticias

A Deputación construirá un muro de contención na rúa Mon y Landa de Crecente para dar estabilidade á estrada provincial

O deputado Uxío Benítez sinala que tamén se substituirá un treito de beirarrúa por unha senda peonil e se calmará o tráfico


18 xaneiro 2019
Noiro Crecente

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai construír un novo muro de contención na rúa Mon y Landa do Concello de Crecente para estabilizar un noiro e evitar o esvaramento da calzada nun treito duns cen metros de lonxitude na estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa. O deputado Uxío Benítez explica que as obras consistirán na construción dun novo terraplén e dun muro de coieira que permitirán conter as terras nas que se asenta a vía garantir o tránsito de vehículos e das e os peóns con seguranza viaria.

As obras do proxecto pretenden solucionar os problemas de desprazamento da base da estrada, xa que a día de hoxe, a beirarrúa do lado do terraplén presenta unha lixeira pendente, ten fendas, e parte aparece afundida, amais de terse detectado tamén fendas lonxitudinais no firme da calzada.

Dada esta situación, o persoal técnico da Deputación considerou que a solución máis adecuada consiste na construción dun novo muro de contención na base do noiro -no que se precisarán unhas 250 toneladas de pedra granítica-, unha cuneta remontable dun metro de ancho e unha senda peonil de 2,5 metros que permita tránsitos peonís en condicións de seguridade e accesibilidade.

O cronograma de traballo establecido no proxecto recolle que as primeiras actuacións serán a demolición do pavimento, fresar o firme actual e escavar a zona de terraplén, construír a cimentación do muro e instalar a drenaxe para as augas pluviais cunha gabia drenante. Despois executarase o muro de contención e sostemento a unha cara vista con cachotaría granítica, instalarase unha varanda metálica, e mellorarase o pavimento danado, facendo unha cuneta dun metro de ancho, a senda peonil, e tamén un paso de peóns sobreelevado e un redutor de velocidade de vehículos que funcionarán como elementos de calmado de tráfico.

Os traballos teñen un orzamento previsto de 68.056, 23 euros e deben estar finalizados tres meses despois do seu inicio. Nestes momentos está aberto o procedemento de licitación, e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 31 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Entón iniciarase a análise técnica e económica das propostas para a adxudicación e inicio de obra.

A esta actuación na EP-5005 A Cañiza-Pousa súmase tamén a rehabilitación integral e drenaxe da estrada prevista entre os puntos quilométricos 1+100 e 13+400, que ten un orzamento de 578.000 euros e cuxa contratación estará resolta de maneira inminente.