Noticias

A Deputación conectará a estrada provincial A Granxa-Dorrón e o lugar do Outeiro cunhas escaleiras

O deputado Uxío Benítez anunciou hoxe que están solicitados varios orzamentos para a actuación


29 xaneiro 2018
Dorrón

A Deputación conectará a estrada provincial EP-9213 A Granxa-Dorrón e o lugar do Outeiro cunhas novas escaleiras. Deste xeito soluciónase o problema xerado ao eliminar o antigo camiño, suprimido con motivo do proxecto realizado polo anterior Goberno provincial, que non preveu a súa reposición.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a construción das novas escaleiras metálicas acaroadas ao actual muro -para salvar o desnivel existente- supón a resposta necesaria a unha demanda histórica da veciñanza, que pedía unha solución inmediata para evitar un rodeo de ata 500 metros para chegar ao colexio de Magaláns ou á igrexa. No día de hoxe, de feito, un dos representantes veciñais da zona entregou na Deputación un escrito coa sinatura de varias ducias de veciños e veciñas certificando o seu beneplácito coa construción urxente da escaleira.

Os técnicos provinciais realizaron nas últimas semanas o deseño da escalinata metálica despois de varias conversas coas persoas que residen na zona. Segundo indicou Benítez, xa están solicitados varios orzamentos para a súa execución. En función da contía á que ascendan os traballos, a nova construción incluirase dentro do proxecto de finalización da estrada (que inclúe o remate de beirarrúas, canalizacións, asfaltado do firme, pintado e instalación de novas luminarias), ou contratarase de xeito independente.

Nestes momentos a estrada da Granxa-Dorrón está en obras en dúas parcelas recentemente cedidas polo Concello de Sanxenxo. Xa están feitas as escavacións e, na vindeira semana, prevese que se comece a instalar o correspondente muro de contención. Despois será a quenda das beirarrúas e o resto de traballos.

Non se descarta, en calquera caso, que a medio prazo se poida abrir unha nova estrada desde a EP-9213 de acceso ao Outeiro. Neste caso, sería preciso chegar a un acordo co Concello de Sanxenxo, que debería presentar a cesión das fincas necesarias.


Novas relacionadas