Noticias

A Deputación de Pontevedra concede subvencións para actividades de lingua a Cambados, Ribadumia, Valga e Catoira

Destinaranse á edición dun libro sobre Ramón Cabanillas, á creación dun audiovisual, dun libro sobre cruceiros e dun premio de investigación


21 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Cambados, Ribadumia, Catoira e Valga. A deputada responsable da área, María Ortega, destacou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de "dar prestixio ao galego", tendo unha partida inicial de 100.000 euros.

No Concello de Cambados a Concellería de Normalización Lingüística decidiu editar o libro Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia. Trátase dunha biografía do ‘Poeta da Raza' adaptada para todas as idades coa finalidade de divulgala e compartila gratuitamente entre a cidadanía para que as xeracións máis novas coñezan e as máis vellas non esquezan aos persoeiros que, como o Bardo de Fefiñáns, poñen a Cambados dentro do mapa histórico, político, literario ou artístico de Galicia e do Estado. Para este traballo recibirán 8.704,80 euros.

No caso do Concello de Catoira solicitouse a axuda para a creación do audiovisual e peza teatral (in)visible luz, que consiste  na preparación de guión e ensaios por parte da Escola Municipal de Teatro en base a un texto do libro Invisibles, da escritora Montse Fajardo, que recolle testemuños de mulleres vítimas de violencia de xénero. Posteriormente, está previsto realizar unha segunda representación adaptada á versión audiovisual, para chegar despois á edición e publicación dun vídeo, que posteriormente se publicará nas páxinas de Facebook e YouTube do Concello de Catoira, e nos perfís da EMT e da Biblioteca Pública Municipal. Por esta iniciativa o Concello recibirá unha axuda de 1.839,20 euros.

No caso do Concello de Ribadumia, realizarase o libro Os cruceiros de Ribadumia, promovido desde o ámbito local e coa colaboración de artistas locais, para a redacción, achega de imaxes e realización de traballos topográficos. A subvención será de 3.364 euros.

Finalmente, o Concello de Valga destinará a axuda de 4.283,40 euros ao Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, que recoñecerá os traballos de investigación de ámbito galego dentro da especialidade da etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía e historia da arte. Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non teñan obtido ningún premio anteriormente.

Para a concesión das subvencións valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.