Noticias

A Deputación de Pontevedra concede subvencións para actividades de Lingua a Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moraña, Poio, Ponte Caldelas e Cuntis

A deputada de Lingua, María Ortega, sinalou que as axudas destináronse a actividades, publicacións e á proxección do galego


21 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moraña, Poio, Pontecaldelas e Cuntis. A deputada responsable da área, María Ortega, destacou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de "dar prestixio ao galego", tendo unha partida inicial de 100.000 euros.

No caso do Concello de Cerdedo-Cotobade, a subvención de 4.900 euros concedeuse para a elaboración dun calendario de parede (1.500 unidades) cunha lámina divulgativa centrada nun mapa do concello de Cerdedo-Cotobade no que se indica a toponimia de tódalas parroquias do Concello (23) e que inclúe fotografías de lugares de interese coa súa correspondente toponimia. Tamén se editou un calendario de sobremesa.

A publicación da revista municipal A Pedreira foi o obxecto da subvención de 3.950 euros para o Concello da Lama. Trátase dunha ferramenta municipal de información e promoción turística referente para toda a veciñanza, que iniciou a súa andaina hai dezasete anos. Abrangue contidos turístico-culturais relacionados con: patrimonio, arte, lingua, toponimia, historia, xeografía, etnografía, arqueoloxía, natureza, gastronomía e medio ambiente. Cada unha das edicións pon en valor a riqueza cultural do municipio ao tempo que fai un percorrido por tradicións, costumes e vida veciñal.

O Concello de Moraña recibiu 4.250 euros para a campaña ‘O noso comercio quere o teu galego', con presenza en diferentes soportes publicitarios cunha imaxe unificada. Tamén se organizou un concurso no que as persoas participantes debían recomendar un establecemento do comercio local de Moraña do que fosen clientes e explicar por que o recomendaban sempre en galego.

‘Tan Preto!' é unha iniciativa que naceu da Concellaría de Educación e Cultura do Concello de Poio para crear un conto cun vídeo explicativo, ambos en galego, co fin de traballar positivamente a experiencia vivida polas crianzas e familias nos meses de illamento pola crise sanitaria da COVID-19. O proxecto recibiu 4.364 euros.

O Concello de Ponte Caldelas, pola súa banda recibiu 2.516 euros para un calendario de dinamización sociolingüística con refráns populares en galego para 2021. A idea é que o calendario recolla todas as festas populares de todos os lugares e parroquias do Concello de Ponte Caldelas, así como unha selección de refráns significativos do refraneiro popular galego en cada mes do vindeiro ano; e ao mesmo tempo en cada mes recolla nunha fotografía unha mostra dos principais recursos patrimoniais do concello.

Finalmente, o Concello de Cuntis recibiu 3.765 euros para a campaña #Faiogalegoviralnocomerciolocal, que se pretende expandir ó ámbito nacional e internacional e construír unha imaxe positiva da lingua galega e do comercio local.

Para a concesión das subvencións, desde a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.