Noticias

A Deputación de Pontevedra concede subvencións para actividades de Lingua a Cangas e Moaña

Destináronse ao certame municipal de banda deseñada e ao certame de relato curto en igualdade respectivamente


21 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Cangas e Moaña. A deputada responsable da área, María Ortega, destacou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de "dar prestixio ao galego", tendo unha partida inicial de 100.000 euros.

O Concello de Cangas solicitou subvención de 700 euros para financiar a XVII Edición do Certame de Banda Deseñada do Concello de Cangas dirixido a persoas artistas mozas non profesionais de ata 35 anos cumpridos dentro do ano 2020. Establecéronse as seguintes categorías, A de 18 a 35 anos e B de 14 a 17 anos, ademais de Viñeta moza para menores de 14 anos. Os traballos serán orixinais con textos en galego, de creación propia e inéditos, non debendo ter sido premiados noutro certame ou concurso.

O Concello de Moaña    , pola súa banda, solicitou 1.838 euros para o Certame de Relato Curto en Igualdade, dirixido a todas aquelas persoas que desexen participar, sen límite de idade, sempre e cando os relatos teñan unha temática relacionada coa igualdade de oportunidades ou con calquera temática que poña o seu acento na visibilización da discapacidade, ou que o seu fío condutor sexa claramente o mundo da diversidade funcional ou sexual.

Para a concesión das subvencións, desde a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia…), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.