Noticias

A Deputación concédelles axudas a 21 entidades sociais de 10 concellos da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra as violencias machistas

Estas subvencións, que teñen un orzamento de 105.000 euros, están dirixidas a entidades que están a desenvolver proxectos contra a desigualdade entre mulleres e homes


04 agosto 2019
Axudas para o fomento da igualdade e a loita contra as violencias machistas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas, cun orzamento de 105.000 euros, a 21 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro de 10 concellos da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra as violencias machistas no ano 2019. Deste xeito, benefícianse desta liña de subvencións entidades de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Guarda, Mos, Pontevedra, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Máis polo miúdo, con esta liña de axudas o goberno de Carmela Silva pretende apoiar as entidades sociais da provincia para que poidan desenvolver proxectos e actividades de sensibilización; formación e prevención da violencia de xénero; proxectos de atención integral para vítimas de violencia de xénero, fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

A deste ano é a cuarta convocatoria de subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia que están a desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas.