Noticias

A Deputación de Pontevedra concede 27 subvencións para actividades de lingua a entidades da provincia

A deputada de Lingua, María Ortega, sinala que as axudas destináronse a actividades, publicacións e á proxección do galego


30 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar 27 subvencións do Departamento de Lingua a entidades culturais da provincia de Pontevedra sen ánimo de lucro para a difusión e normalización do galego, quedando fóra das axudas cinco colectivos. A deputada responsable da área, María Ortega, destacou que as axudas entregáronse a asociacións dunha ducia de concellos da provincia cunha partida inicial de 150.000 euros.

No concello de Pontevedra recibiron subvención a Asociación para o Desenvolvemento educativo e cultural para a adaptación infantil ao galego da peza Tirante Branco; a Coordinadora de Traballadores de Normalización da lingua para a convocatoria da segunda edición dos premios Mil Primaveras; a Escola familiar agraria A Cancela para a creación dunha páxina web e a publicación de actividades en redes en galego; e Galiza Nova, para a realización dun certame de relato curto en galego.

Para a comarca do Morrazo concedéronse catro axudas: á Asociación Cultural do FICBueu para a finalización da curtametraxe Marcos 2020; á Federación de comerciantes e Industriais do Morrazo para un proxecto de dinamización da lingua no comercio local; á Asociación de Comerciantes da praza de Abastos de Marín, para fomentar o uso do galego nas compras da praza e o consumo responsable; e a Asociación de Veciñanza de Tirán, para a edición, e impresión e publicación de exemplares do número 38 de O Pecho.

No Salnés recibiu axuda a Asociación Cultural Xironsa para o festival ‘Xironsa Punto e aparte'; en Deza-Tabeirós, a asociación Vagalumes de teatro para a conmemoración virtual das Letras Galegas; a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón para a publicación do libro O falar das Pedras e a Asociación Etnográfica Codeseda para a publicación do libro 20 anos de malla tradicional.

Quedaron excluídos cinco traballos da Estrada, Mondariz, Ponteareas, Pontevedra e Vigo por non cumprir coas bases ou por renunciar ao non poder levar adiante a actividade.

Para a concesión das subvencións, desde a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.