Noticias

A Deputación comprométese a busca de fórmulas legais para rematar o campo de fútbol do Alondras

Os deputados David Regades e Uxío Benítez mantiveron hoxe un encontro co alcalde de Cangas Xosé Manuel Pazos


18 mai 2016
Cangas

Os deputados provinciais de Cooperación e Mobilidade, David Regades e Uxío Benítez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo no concello de Cangas co seu alcalde, Xosé Manuel Pazos para analizar diversas actuacións no municipio.

En primeiro lugar, analizaron a situación do "Plan Concellos 2016" polo que o concello de Cangas recibe da Deputación máis dun millóns de euros, dos cales xa ten concedidos 496.604 euros, o que representa case o cincuenta por cento das achegas da institución provincial ao longo desta anualidade.

O alcalde, pola súa parte, plantexou unha serie de actuacións que demanda a Deputación dun xeito urxente, como e a busca dunha solución para o campo de fútbol do Alondras. A este respecto, David Regades subliñou o compromiso da entidade provincial de buscar unha fórmula legal que permita a conclusión das obras "despois da herdanza chapuceira que deixou o anterior goberno provincial e que provocan os problemas actuais".

Igualmente Xosé Manuel Pazos reclamoulle o deputado de Mobilidade a humanización do entorno do cruceiro de Hio dende o tramo de Pedreiron para mellorar unha estrada que da acceso a unha zona de praias. Precisamente, Uxío Benítez salientou que tras a época estival poderían comezar as obras unha vez licitado o proxecto.

Tamén neste mesmo senso pronunciouse Benítez sobre a estrada de Coiro, onde os veciños levan pedindo arranxos dende fai varios mesess, e no que podería estudarse un proxecto de melloras para esta estrada.  Na parroquia de Darbo o deputado de Mobilidade tamén destacou que vaise facer un estudo sobre a denominada "curva de Hervello", que os veciños e veciñas cualifican de punto negro, para  estudar "unha posible eliminación cun proxecto novo de arranxo da estrada", subliñou Uxío Benítez.

Por último, ambos deputados provincias mostráronse dispostos a colaborar coa limpeza e acondicionamento dos viais de acceso as praias de Cangas que, tamén foi demanda polo alcalde Xosé Manuel Pazos.