Noticias

A Deputación completa o proxecto para mellorar a cuberta do edificio de Maternais e a escola infantil de Príncipe Felipe

Os técnicos consideraron necesario realizar máis actuacións das previstas para solucionar as humidades e as filtracións


18 novembro 2017
Escola Infantil de Principe Felipe

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de arquitectura provincial, vén de completar e mellorar o proxecto para a cubrición do edificio de Maternais e a escola infantil de Príncipe Felipe. Os técnicos consideraron necesario realizar máis actuacións das previstas no proxecto anterior para solucionar as humidades e filtracións do edificio debido ao mal estado das cubertas, polo que redactaron unha nova actuación que non suporá incremento económico sobre o inicial, pero que engadirá a separación das baixantes de augas pluviais e fecais e a construción de dous lucernarios. Segundo explicou a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, o orzamento para realizar os traballos mantense nos 358.481,10 euros.

A Xunta de Goberno vén de aprobar este novo proxecto, que pasará ao departamento de Contratación de xeito inminente ao estar xa informado favorablemente por todos os servizos provinciais. Só resta obter a correspondente licencia municipal de obra por parte do Concello de Pontevedra. Unha vez resolta a autorización e a licitación, os traballos poderán comezar de xeito inminente. Vilaverde asegurou que a modificación do proxecto inicial era "fundamental", posto que non corrixía as deficiencias estruturais que daban lugar ás filtracións e humidades. "Non tería sentido facer unha obra dun alto custe que fose provisional. Aínda tardando máis en executar a actuación apostamos por chegar á orixe do problema, xa que a medio e longo prazo a obra terá mellores resultados", subliñou.

Segundo especifican os técnicos provinciais no seu informe, a cuberta do edificio de Maternais e a da escola infantil de Príncipe Felipe atópanse deterioradas polo paso do tempo, o que provoca a entrada de auga polo interior das instalacións, que se ven continuamente afectadas. Por este motivo considerouse necesario non só a substitución do material de cubrición, senón tamén solucionar construtivamente os encontros das cubertas cos petos perimetrais e interiores. Esas obras requirían dunha axeitada instalación de evacuación de augas pluviais das que o edificio carecía, xa que actualmente a auga da chuvia circulaba a través da canalización de augas residuais. Así mesmo, dada a existencia de dous patios interiores, considerouse que debían ser pechados para evitar a entrada directa da auga.

Actuación en case 2.500 metros cadrados

As edificacións do centro de Maternais e da escola infantil de Príncipe Felipe teñen unha forma baseada en volumes prismáticos dispostos de xeito simétrico. A actuación nas súas cubertas afectará a 2.484 metros cadrados.

No edificio de Maternais existen varios módulos distribuídos de xeito irregular que xeran dous patios interiores. Nun módulo anexo e de inferior altura sitúase a escola infantil, que se comunica con esta a través dun soportal e dun corredor cuberto. Na actualidade a cuberta de Maternais está formada por un forxado de formigón horizontal sobre o que se atopa unha estrutura auxiliar que lle dá a pendente á cuberta e que está rematada por pranchas de fibrocemento que obedecen a reparacións parciais que se foron realizando. No núcleo central do edificio existe unha solución de chapa metálica simple, mentres que no comedor, que está a menor altura, a solución vén dada por placas simples de plástico de imitación a tella. A conexión entre o edificio de Maternais e a escola infantil está formada por un forxado de formigón horizontal impermeabilizado cunha lámina asfáltica deteriorada polo paso do tempo.

En todas as cubertas hai importantes deficiencias que producen filtracións e entradas de augas. Ademais, as solucións de remate entre cubertas e petos perimetrais e parámetros verticais, así como as solucións de evacuacións de pluviais son deficientes.

No novo proxecto establécese unha nova rede de saneamento separado proxectada de tal xeito que a rede unitaria existente pasará a recoller unicamente as augas fecais. Tamén se construirán dous novos lucernarios, con forma triangular e dunha superficie aproximada de 40 metros cadrados, e desmontaranse os materiais das cubertas, así como as baixantes exteriores vistas e canlóns ocultos, e procederase á limpeza e reforma de petos. Todos os materiais serán substituídos por elementos con gran calidade de illamento.


Novas relacionadas

Rolda Leste

08 agosto 2017, mosquera, rolda leste, deputación de pontevedra, hospital montecelo