Noticias

A Deputación completa o 100% da liña 2 do Plan Concellos 2016 para gastos correntes, amortizacións e pago de débedas

A Xunta de Goberno vén de aprobar as tres últimas achegas para os concellos de Lalín, As Neves e Rodeiro, por un importe global de 294.724,53 €


30 jul 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de darlle o visto bo a un total de 294.724,53 € en achegas para tres municipios da provincia dentro da liña 2 do Plan Concellos 2016, que financia amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes. Os municipios que percibirán os importes aprobados son Lalín, As Neves e Rodeiro. A Deputación completa así o 100% das contías previstas na liña 2, que ascenden a 2.802.935,10 €.

Segundo as achegas aprobadas, o concello de Lalín percibirá 207.511,13 € para o subministro de materiais para a conservación e bacheo de pistas asfaltadas no municipio. Con esta nova partida económica, este municipio do Deza achégase xa ao 100% do total previsto no Plan Concellos 2016, ao situarse no 89,7% de execución, cun total ata agora de investimentos por un valor de 1.517.942,55 €.

Para As Neves, na Xunta de Goberno aprobouse unha partida de 56.312,56 € para o pagamento de débedas por consumo de enerxía eléctrica. Deste xeito, a Deputación leva investido nas Neves este ano a través do Plan Concellos un total de 398.704,7 €, o que supón un 75,6% do total previsto. Por último, en Rodeiro investiranse 30.900,84 € para gastos correntes novos. Así, o grao de execución do Plan Concellos neste municipio sitúase no 48,5%, cunhas achegas económicas polo momento de 235.986,61 €.