Noticias

A Deputación de Pontevedra comezará en xullo a instalación dos redutores de velocidade no cruce das estradas provinciais preto da unitaria da Gándara en Cuntis

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que as obras xa están adxudicadas á empresa API Movilidad


22 xuño 2017

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra comezará a instalación dun total de sete redutores de velocidade e dunha ‘zona 30' no cruce das dúas estradas EP-8404 entre Piñeiro e Arcos e a EP-8403 entre Cuntis e Alto da Cruz no mes de xullo. Este cruce está situado nas inmediacións da escola unitaria da Gándara na parroquia de Arcos e precisa dun calmado do tráfico e maior seguranza viaria para todas as usuarias e usuarios da vía, tanto vehículos como peóns, sobre todo tendo en conta que o tránsito de pequenas e pequenos é continuo.

O responsable de Mobilidade xa comprometera a actuación ao alcalde Manuel Campos no mes de marzo despois de comprobar in situ que os coches circulaban a moita velocidade pola zona
 –a pesares das advertencias da existencia dun centro escolar nas inmediacións–. Segundo indicou entón Benítez, a fórmula máis axeitada para solucionar a falta de seguranza viaria é obrigar ás condutoras e condutores a moderar a velocidade dos seus coches non só con sinais que marquen un límite máis baixo, senón tamén con elementos físicos "que obrigan a frear queiran ou non queiran para non danar o seu vehículo".

Segundo constatou Benítez, as obras foron adxudicadas recentemente á empresa API Movilidad por un total de 16.742, 42 euros, e estarán finalizadas no verán xa que o prazo de execución dos traballos é dun mes.

Por outra parte, o deputado de Mobilidade tamén indicou que o departamento de Mobilidade está a traballar nunha mellora para a coñecida como rúa A Palma (EP-8402 entre Cuntis e Cequeril), que podería ir acompañada da cesión da titularidade por parte da Deputación ao Concello no treito máis urbano.