Noticias

A Deputación comezará en xaneiro as actuacións de rexeneración ambiental da Xunqueira de Alba nas que investirá 3,6 millóns de euros

Carmela Silva: "No século XXI é obrigado rachar cos erros do pasado, cando todo valía e se ocupaban espazos como a Xunqueira de Alba, de tanto valor medioambiental"


30 decembro 2021
Rexeneración da xunqueira de Alba

En xaneiro arranca a actuación de restauración ambiental da Xunqueira de Alba en Pontevedra que, tal e como avanzou a presidenta da Deputación trala Xunta de Goberno, será unha realidade a comezos do 2023. Trátase dun proxecto "imprescindible" enmarcado na aposta do goberno provincial polo respecto ao medio ambiente, a recuperación dos espazos ecolóxicos e a economía circular. "É unha obriga que no século XXI rachemos cos erros do pasado, cando todo valía e se ocupaban espazos de tanto valor medioambiental" subliñou Carmela Silva ao tempo que reivindicou o valor da política "que fala sobre o que é necesario, pero sobre todo actúa, transforma e cambia".

Os traballos, que executará Tragsa como medio propio da institución provincial e aos que se destinarán máis de 3,6 millóns de euros de fondos propios da Deputación, comezarán coa construción do novo Parque de Maquinaria no Polígono de Barro a partir de xaneiro, cun prazo de execución de oito meses. En paralelo demoleranse as edificacións e instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta, situadas na actualidade na xunqueira pontevedresa, incluíndo a retirada e xestión de residuos. As demolicións teñen un prazo de tres meses. Finalmente chegará a restauración ambiental deste ámbito para o que se prevén dous meses máis. "Falamos de entre 12 e 14 meses de traballos, polo que agardamos que a inicios de 2023 estea xa construído o novo Parque de Maquinaria en Barro, feito o traslado e restaurada a Xunqueira de Alba", asegurou a presidenta, que compareceu acompañada do vicepresidente, César Mosquera.

A actuación responde a "un complexo proxecto sobre o que levamos traballando moito tempo, posible grazas á vontade e compromiso do goberno e á implicación do persoal técnico da Deputación que fixo este traballo", afirmou Carmela Silva. A presidenta agradeceu a rápida xestión do concello de Barro na tramitación das licencias de construción do novo Parque de Maquinaria e a estreita colaboración do concello de Pontevedra, que ten tamén previstas actuacións complementarias ás que agora vai realizar a Deputación para devolver este espazo natural á cidadanía. 

"É a consecución dun soño que levabamos moito tempo perseguindo" asegurou o vicepresidente César Mosquera quen recordou que mentres en 1971 en Ramsar (Irán) se impulsaba un convenio para protexer as zonas húmidas "aquí faciamos auténticas barbaridades". "A historia é terrible –manifestou- pero as Administracións públicas temos que predicar co exemplo, reverter situacións, recuperar espazos como a Xunqueira de Alba". Tamén aproveitou para instar ás outras administracións que ocupan terreos na Xunqueira, como a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia ou a Dirección Xeral de Tráfico, para  que "tomen exemplo do que imos facer" retirando as instalacións das súas parcelas concesionadas e rexenerando medioambientalmente o espazo.

O novo Parque de Maquinaria

O novo Parque de Maquinaria ocupará dúas parcelas no polígono de Barro cunha superficie total de 8.762,70 metros cadrados. "Será un edificio novo, moderno e avanzado, baseado nos principios de sostibilidade e na economía circular, con espazos moito máis dignos tanto para a realización dos traballos como para a estancia do persoal traballador", explicou Carmela Silva. Construirase unha nave principal, destinada a taller de reparación e mantemento, naves de almacenaxe, oficinas nun edificio administrativo e unha zona de aparcamento. A solución proxectada sitúa nun primeiro lugar unha zona verde de acceso e de circulación peonil, a continuación contará cos edificios para o desenrolo da actividade. Ao redor estarán as vías de tráfico rodado e, finalmente no perímetro da parcela, estarán as marquesiñas de maquinaria e de turismos e unha franxa verde que delimitará a zona. Na súa construción seguiranse os principios de economía circular, reutilizando materiais como gran parte das marquesiñas ou o peche perimetral do Parque de Maquinaria.

Pontevedra gaña un novo bosque autóctono de 17.000 metros cadrados

As obras divídense en dúas fases claramente diferenciadas; unha primeira fase de demolición, para devolver os terreos ocupados pola parcela ao seu estado orixinal eliminado tanto a edificación do parque de maquinaria como a actual imprenta provincial. Nunha segunda fase abordarase a recuperación ambiental co  obxectivo de transformar nunha gran zona verde a maior parte da parcela acorde coa contorna actual, empezando os traballos coa descontaminación total do terreno.  Amais, todo o que se vai retirar "será tratado de forma medioambiental, con empresas especializadas no tratamento de residuos", recalcou Carmela Silva.

Con esta operación Pontevedra gañará un bosque autóctono de 17.000 metros cadrados, integrado co paseo a carón do río Rons e "moi  coidado". Deste xeito, e seguindo as directrices de planeamento e xestión do  Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira, plantaranse especies escollidas coidadosamente como o carballo común, a sobreira, o freixo negro,  a abeleira común,  a mimbreira, o  madroño, o salgueiro  cenizo, o acivro e o loureiro, harmonizando así coa contorna.

O principal obxectivo da actuación medioambiental que emprende a Deputación con este proxecto é o de transformar o espazo nunha gran zona verde aberta, cun novo sendeiro peonil que comunicará coa senda fluvial do Rons. Para elo tamén se dotará ao lugar de iluminación pública e mobiliario urbano que permitirá configurar unha nova zona de lecer e desfrute da veciñanza.

Audios

  • Audio
    Rolda de prensa da Presidenta e o Vicepresidente