Noticias

A Deputación de Pontevedra comeza este luns as obras de reforma integral das estradas provinciais Ponteareas-As Neves e Covelo-Barcia de Mera

Rehabilitaranse case 13 quilómetros de vía na EP-4006 para aumentar a seguranza viaria cun investimento de 568.387 euros


31 maio 2019
Firme Ponteareas Guillade

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras de reforma integral de case trece quilómetros da estrada provincial EP-4006 que une Ponteareas e As Neves. Tamén se iniciará a renovación e acondicionamento da EP-5106 Covelo-Barcia de Mera no Concello de Covelo.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación na estrada provincial EP-4006 ten un orzamento de 568.387 euros e foi adxudicada á empresa Covsa. O proxecto abrangue desde o punto quilométrico 0+000 ata o 12+850 e pretende mellorar a seguranza viaria e peonil rehabilitando de forma integral o firme da actual traza: levantarase todo o aglomerado en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Tamén se mellorará a drenaxe, instalando tubaxes paralelas á calzada polas beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escoamentos formen balsas de auga na plataforma. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, marcas brancas transversais…) co fin de mellorar a visibilidade da vía.

Por outra parte, o deputado de Mobilidade explica que as obras que comezarán luns en Covelo supoñen unha ampliación da plataforma existente no treito entre Ponte Lourido e Redondo (dos puntos quilométricos 5+600 e 6+650). A proposta é anchear a estrada ata un total de cinco metros xunto e construír unha cuneta formigonada de seguridade dun metro de largo en todo o treito. Farase tamén unha repavimentación total do largo da calzada e traballos de renovación de defensas metálicas e sinalización horizontal e vertical. O orzamento desta actuación de mellora da seguranza viaria é de máis de 192.000 euros.

Por outra parte, nestes días o Departamento de Mobilidade está a realizar a mellora dalgúns treitos de vías na zona sur da provincia ao abeiro do Plan de conservación de firmes. As máquinas están nestes momentos na EP-4001 Ponteareas-Guillade fresando e renovando o asfaltado para sanear fendas e outras deficiencias en treitos puntuais desta vía da rede provincial. Nas vindeiras semanas os traballos de conservación continuarán en Mondariz e Mondariz Balneario.