Noticias

A Deputación comeza as obras para a execución de muros de contención e reposición do firme na estrada O Porriño-Mosende

A empresa adxudicataria para levar a cabo estas actuacións e Construcciones, Obras e Vías, S. L. cun orzamento de preto de 90.000 euros


03 agosto 2019
O Porriño

A Deputación de Pontevedra acaba de comezar as obras para a execución de muros de contención e reposición do firme na estrada provincial O Porriño-Mosende (EP-2401) nos tramos PQ 3+322 ao 3+351 e PQ 4+165 ao 4+179, no concello do Porriño. A actuación adxudicóuselle á empresa Construcciones, Obras e Vías S. L. cun orzamento de 87.896,72 euros.

Máis polo miúdo, as obras proxectadas divídense en dúas actuacións. Deste xeito, a primeira delas contempla o saneamento e reposición de parte do firme da estrada EP-2401 e a execución dun tramo de beiravía de formigón paralela a esta entre os PQ 3+322 e 3+351. Ademais, vaise corrixir a estabilidade do noiro recuando o eixe e a beiravía e dotando dunha berma na coroación do terraplén. Tamén se instalará unha varanda de seguridade para protexer os usuarios da beiravía.

Pola súa banda, a segunda actuación consiste na execución de dous muros de contención entre os PQ 1+165 e 4+179 para solucionar os actuais problemas de inestabilidade de noiros. Así, as obras contemplan a reposición dos tramos de beiravía afectados polos desprendementos e a execución dunha cuneta revestida de formigón que protexa os noiros, dirixindo as augas ata o leito do rego Miñoteira ou Centeáns. Así mesmo, tamén se reforzará a drenaxe da plataforma multiplicando a capacidade de drenaxe dun sumidoiro.