Noticias

A Deputación colabora en 18 mostras, certames e exposicións da camelia en toda a provincia

A deputada Eva Vilaverde sinala a necesidade de dar a coñecer esta planta tanto no ámbito local coma internacional, xa que Pontevedra "é unha importante zona de produción comercial de camelias ornamentais"


15 xan 2016
Centros de camelias
Centros de camelias

A Deputación de Pontevedra colaborará, desde este mes de xaneiro ata abril, en 18 mostras, certames e exposicións sobre a camelia en toda a provincia. A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da institución provincial, é a que xestiona o apoio a todos os eventos mediante o asesoramento aos organizadores, a cesión de plantas, así como a participación presencial nas mostras, ás que traslada unha pequena selección das máis de 1.000 variedades de camelias do terreo de Lourizán.

A deputada responsable de Sectores Produtivos Primarios, Eva Vilaverde, responsable da EFA, subliña a necesidade de dar a coñecer a camelia tanto no ámbito local coma internacional, xa que Pontevedra "é unha importante zona de produción comercial de camelias ornamentais". Así mesmo, destaca que se trata dun elemento fundamental e identificativo dos xardíns da provincia e de Galicia "que ten un importante potencial a nivel turístico".

Vilaverde lembra o importante traballo que desenvolve a Estación Fitopatolóxica cara ao sector, xa que vén realizando estudos en relación cos problemas sanitarios da camelia desde hai máis de 25 anos.  Así mesmo, destaca o importante "laboratorio de ensaio" que representa contar cos xardíns de Lourizán, onde se cultiva unha das maiores coleccións de camelia de toda Galicia.

Calendario

O calendario de certames e exposicións no que participa e colabora a Deputación de Pontevedra comezará mañá sábado coa I Mostra da Camelia de Tui, que terá lugar nunha sala de exposicións do edificio municipal Área Panorámica do mencionado concello. A mostra está organizada por un grupo de tudenses amantes da camelia e será inaugurada á unha da tarde. Poderase visitar este sábado, de 16:30 a 20:00 horas, e o domingo, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas.

A seguinte mostra será a X A Camelia en Domaio, organizada pola Asociación de Mulleres Poza de Moura, no CEIP Domaio, o 30 e o 31 deste mes. Xa no mes de febreiro realizarase a II Mostra da Camelia de Vilanova no pavillón de Vilanova de Arousa (os días 6 e 7) e a I Mostra de Divulgación da Camelia en Cambados, no Salón de Peña, situado no paseo marítimo, organizada polo Concello (os días 13 e 14). Na mesma fin de semana tamén se desenvolverán o VII Concurso-Exposición da Camelia en Tomiño, organizado pola Asociación de Vigueses Baixo Miño, e a IV Mostra da Camelia en Torneiros, organizada pola asociación de veciños, así como a décima edición de A Camelia na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. Tamén está prevista unha mostra no aeroporto de Vigo (este ano verá a súa segunda edición), así como a VII Exposición da Camelia en Rubiáns, Vilagarcía de Arousa, o 27 e 28 de febreiro.

En marzo están fixados o XVIII Memorial Antonio Odriozola no mosteiro de Lérez, en Pontevedra (os días 5 e 6), organizado pola Asociación Cristo del Consuelo, e a XIV Exposición da Camelia en Salceda de Caselas, no auditorio municipal. Na fin de semana seguinte tócalle a quenda á XII Gala Camelia no Camiño, organizada pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, e o XVI Certame da Camelia no Castelo, en Soutomaior. Xa durante os días de semana tócalle a quenda ao CEIP Campolongo de Pontevedra, que se involucra coa camelia nunha mostra que abrirá o día 15 no propio centro.

O 19 e 20 de marzo a Deputación de Pontevedra desenvolverá a súa propia mostra co LII Concurso-Exposición Internacional da Camelia, que esta edición será no Recinto Feiral-Pazo de Congresos de Pontevedra e na que está prevista a participación de decenas de cultivadores.

Finalmente, a temporada pechará coa IV Mostra da Camelia Cultural de Sanxenxo, no Círculo Cultural Deportivo (os días 24 e 25 de marzo), e coa X Exposición de Camelias Bella Otero, no Auditorio Municipal de Valga, e a IV Exposición Día da Camelia do Concello de Ponteareas, na fin de semana do 9 e o 10 de abril.