Noticias

A Deputación colabora con AFAGA cunha achega de 20.000 € para o seu proxecto "Alzhéimer 360º", que dá soporte a 3.000 persoas de 24 concellos

"Afaga 360º" acompaña á contorna familiar e de convivencia ao longo de todas as fases das enfermidades de calquera tipo de demencia neurodexenerativa, incluso no proceso de do tralo falecemento, polo que a atención pode prolongarse ata os 10 0u 12 anos


20 setembro 2021
A Deputación colabora con AFAGA

O deputado Carlos Font e a deputada Ana Laura Iglesias, veñen de visitar hoxe as instalacións de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia), coa que a institución colabora cunha achega de 20.000 € para a posta en marcha do seu proxecto "Alzhéimer 360º". A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación estanse a beneficiar de xeito directo e indirecto máis de 3.000 persoas de 24 concellos do sur da provincia. As súas actividades presenciais desenvólvense nas instalacións de Afaga Alzhéimer de Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Nigrán, O Porriño, Mos, Baiona e Vigo.

O proxecto "Alzhéimer 360º" está pensado para dar soporte profesional e especializado aos coidadores/as principais e familiares das persoas afectadas por algún tipo de demencia neurodexenerativa, dotándoos de ferramentas coas que afrontar o proceso evolutivo da enfermidade. Así, entre os seus obxectivos salientan o asesoramento e soporte emocional; a resposta a demandas de información e produtos que alivien, eviten ou retrasen situacións de total dependencia; o fomento da corresponsabilidade de xénero; apoio psicolóxico e actividades formativas. "Alzhéimer 360º" acompaña á contorna familiar e de convivencia ao longo de todas as fases da enfermidade, incluso no proceso de do tralo falecemento, polo que a atención pode prolongarse ata os 10 0u 12 anos. Amais, o proxecto terá un efecto especialmente positivo ao diminuír os niveis de sobrecarga acadados nos últimos meses coa actual crise sanitaria.

A súa metodoloxía partiu dunha fase inicial de detección por parte do servizo de acollida e atención social das necesidades que adoecían os e as coidadoras e familiares co gallo de redirixilos aos servizos e programas máis axeitados: acollida e atención social, atención psicolóxica, asesoramento técnico e produtos de apoio, asesoramento legal especializado e formación. "Alzhéimer 360º" destaca pola monitoraxe en tempo real da interacción entre profesionais e usuarios e polo emprego das redes sociais para a súa comunicación; e todas as súas actuacións serán cuantificadas e avaliadas seguindo o plan de calidade e auditoría interna e externa establecido pola entidade.

AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia, constituíuse en 1994 trala mobilización espontánea de familiares de doentes de alzhéimer á raíz da desorientación e falta de información que naquel momento existía respecto desta enfermidade. Na actualidade, esta asociación sen ánimo de lucro integra a máis de 770 socias e socios e 55 profesionais, situándose como o principal expoñente na defensa e atención social das persoas que padecen alzhéimer e da súa contorna familiar; e constituíndo a primeira asociación de familiares doentes de alzhéimer (AFA).