Noticias

A Deputación clausura este martes en Vigo os cursos de español para persoas inmigrantes no 2018

O 96 % do alumnado das dúas primeiras quendas deste ano conseguiu aprobar o exame DELE A2 necesario para a obtención da nacionalidade española


05 novembro 2018
Cursos para inmigrantes

A Deputación de Pontevedra clausura este martes en Vigo a terceira quenda dos cursos de español para persoas inmigrantes, que desenvolve por segundo ano consecutivo. Trátase dunha iniciativa dirixida a facilitarlle a formación necesaria a aquelas persoas, que sendo maiores de 16 anos e en situación administrativa regular, precisen preparar o exame do DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.

Ao longo deste ano, a institución provincial desenvolveu tres quendas destes cursos. As dúas primeiras tiveron lugar en Pontevedra e en Vigo, entre os meses de maio e xuño, nas que participaron corenta alumnas e alumnos. Un total de 31 veñen de presentarse ao exame DELE A2, que se levou a cabo no  Instituto Cervantes en Vigo. Deles, 30 aprobaron, o que significa que o 96,7 % do alumnado superou a proba. Son uns resultados moi positivos, xa que o alumnado, na maioría dos casos, ten problemas para compatibilizar os estudos co traballo e coas responsabilidades familiares.

Na terceira quenda que se pecha esta semana en Vigo participaron preto de 20 persoas, que agora tamén poderán presentarse proximamente ao exame oficial DELE A2. Ao igual que nos outros cursos, a procedencia das persoas participantes é moi diversa. Os países de orixe con máis presenza son Marrocos e Brasil, pero tamén hai persoas de Nixeria, Xeorxia, Senegal, Ghana, Hungría, Quenia, Angola, Paquistán, Malí, Costa de Marfil, Ucraína, Siria e Rusia.

É o segundo ano que a Deputación de Pontevedra impulsa estes cursos, de xeito totalmente gratuíto, para as persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisan obter o nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), requisito imprescindible para a adquisición da nacionalidade española.

O exame DELE esixe unha preparación previa, cun custo económico asociado, que nalgúns casos dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle a súa integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social. A iniciativa da institución provincial busca impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE en igualdade de condicións.

Esta iniciativa está integramente subvencionada pola Deputación, incluíndo tamén as taxas de matrícula do DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira). En xeral, mediante estes cursos, prepárase ás persoas inmigrantes para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e de interacción escrita e oral. Os cursos son impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.