Noticias

A Deputación celebrará este luns o Día Internacional do Turismo cun innovador Showcooking que incidirá na historia da provincia

O acto concentrará aos chefs de Eirado da Leña, Casa Solla, Loxe Mareiro, O Refuxio de Merza e Mamá Lela para reinterpretar os históricos receitarios das irmás Mendoza


24 setembro 2021
Showcooking

A Deputación festexará o Día Internacional do Turismo, este próximo luns 27 de setembro, co "acto máis potente que se organizará en Galicia". Terá lugar, ás 12:30 horas e consistirá, tal e como detallou a presidenta, Carmela Silva, "nunha innovadora demostración culinaria que incidirá na historia e cultura da provincia e no que imos poñer en valor a tradición local, o produto autóctono, a nosa excelente gastronomía e ás e aos profesionais que fan posible que aquí se vivan experiencias únicas".

O acto, que estaba previsto no palacete das Mendoza pero que ante a previsión de chuvia trasladarase ao salón de plenos do Pazo da Deputación, concentrará a chefs embaixadores da provincia de Pontevedra, así como a restaurantes e sumillers distinguidos co selo de calidade do SICTED. A gran novidade é que a demostración culinaria tomará como referencia os receitarios das irmás Mendoza, Concepción e María ( antigas propietarias do palacete), para "actualizalos ao século XXI". Neste proceso a Deputación de Pontevedra contará con chefs embaixadores das Rías Baixas como Iñaki Bretal (Eirado da Leña, en Pontevedra, Estrela Michelin, Sol Repsol, SICTED, Marca Q de Calidade Turística) que preparará "pescada en salsa" e Staff de Casa Solla (Casa Solla, Poio, Estrela Michelin e 3 Soles Repsol) que elaborará "pastel de chocolate palacio". Tamén con Marcos Cerqueiro e Iago Pazos (Loxe Mareiro, en Vilagarcía de Arousa, distintivo Sol Repsol) que farán "cup condesa", con Natalia Guzmán (O Refuxio de Merza, en Vila de Cruces, distintivo SICTED e Marca Q de Calidade Turística) que se encargará da "sopa de hortalizas", con Elisa (Mamá Lela, en Cerdedo-Cotobade, distintivo SICTED) que preparará "lomo con pementos" e con Carlota Iglesias (Cabanas, Lalín, co distintivo SICTED) que seleccionará viños da D. O. Rías Baixas.

Está previsto que se dean cita na demostración culinaria representantes de asociacións de hostalería, aloxamento, guías e viaxes, así como profesionais do turismo e bloggers turísticos. Ademais, todas as receitas que reinterpretarán as e os chefs que participarán na demostración culinaria formarán parte dunha páxina web específica que terá tamén información sobre a historia do Palacete das Mendoza e das irmás Mendoza, María e Concepción.

O lema que escolleu a Organización Mundial do Turismo para festexar o Día Internacional do Turismo neste 2021 céntrase en "Turismo para un crecemento inclusivo", para apelar na importancia de fomentar un "turismo inclusivo, sustentable, que achegue beneficios a longo prazo e contribúa ao desenvolvemento económico e social", remarcou Carmela Silva. "Coincide –engadiu– coas liñas clave do noso Plan estratéxico de turismo 21-23".

"Rías Baixas volve ser o centro turístico de Galicia"

A presidenta da Deputación aproveitou a publicación dos datos do INE deste verán para remarcar o "rotundo éxito" do destino a nivel turístico. "Rías Baixas –asegurou Carmela Silva– volve ser o centro turístico de Galicia", con 408.984 persoas viaxeiras e 1.135.161 pernoctacións rexistradas no verán.

"En xullo e agosto tivemos ata un 54 % de persoas viaxeiras máis que durante o 2020 e se falamos de noites facturadas a porcentaxe incrementouse un 55 % con respecto ao verán do pasado ano", informou a presidenta. Neste último caso, Carmela Silva destacou que "a provincia de Pontevedra é, das catro galegas, a que tivo o maior número de pernoctacións, representando o 44 % das rexistradas fronte ao 40 % da Coruña, o 13 % de Lugo ou o 3 % de Ourense". Os datos foron "tamén espectaculares" nos puntos turísticos que analizou o INE como Vigo, Sanxenxo ou O Grove. Neste caso a presidenta recordou que Vigo recibiu este verán un 66 % máis de turistas que no 2020, O Grove un 40 % máis e Sanxenxo un 31 % máis.

No que respecta á ocupación hoteleira de agosto o INE anotou "cifras de récord para a provincia", asegurou a presidenta. Así, "se a media galega foi do 70 %, na provincia de Pontevedra chegou ao 75 % o que nos sitúa como a provincia líder, por riba da Coruña, cun 71 %, Lugo cun 65 % e Ourense cun 51 %".

Audios

  • Audio