Noticias

A Deputación celebra un acto histórico de reparación da memoria no que homenaxea a cinco ex presidentes e ao funcionariado represaliado

Nun acto moi emotivo no que participaron o actual goberno provincial, a xornalista e escritora Montse Fajardo, as familias dos represaliados e representantes dos concellos


12 nov 2016

"Na memoria das persoas que foron encarceradas, torturadas e xulgadas nestes dous edificios por defender a lexitimidade democrática fronte ao alzamento fascista de 1936". Así reza a inscrición da placa que desde esta mañá permanece nos xardíns provinciais, entre o Edificio Administrativo e o Pazo provincial na avenida de Montero Ríos. A da placa - que foi descuberta pola presidenta e polo vicepresidente da institución, Carmela Silva e César Mosquera- lembrará para as xeracións presentes e futuras o papel que ambos edificios desempeñaron durante a represión de 1936. Tanto o Pazo como o Edificio Administrativo foran, tras o golpe fascista, despoxados da súa condición de símbolos da soberanía do pobo e pasaran a ser usados como cárcere -o Edificio Administrativo- e como lugar onde se celebraban os xuízos e os consellos de guerra -o Salón de Plenos do Pazo-.

A xornada de Reparación da Memoria continuou no Salón de Plenos, onde o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou o significado desta homenaxe e actuou como condutor de todo o acto. Ademais de recuperar o nome das persoas honradas, fixo fincapé na cita que se reproduce no documento conmemorativo cos  sete nomes e que procede da obra 'Atila en Galicia' de Castelao: "moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tansiquera son capaces de concebir. E na miña Terra complirase a vontade dos mártires". Tamén botou man das citas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que parafraseou a Saramago "somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos". Ambos, Leal e Silva, no nome do goberno provincial fixeron fincapé na necesidade de rescatar do esquecemento os nomes das vítimas da represión. "Estamos aquí poñéndolle voz ao silencio, poñéndolle palabras a actos inxustificables" afirmaba Carmela Silva durante a súa intervención. Un acto, o desta mañá, que como sinalaba Xosé Leal dá continuidade a iniciativas xa realizadas ao longo deste ano, como foron a aprobación por unanimidade no Pleno provincial o pasado 1 de abril da moción para condenar o golpe fascista, e a retirada das distincións "aos verdugos, como José Calvo Sotelo, José Solíns, Pedro Nieto, a sección feminina da Falange Española, e sobre todo o orgullo de facer que o ditador xa non sexa presidente perpetuo desta institución".

A xornalista e escritora Montse Fajardo reivindicou, na súa intervención, a restitución da memoria como un exercicio de xustiza histórica. "Non se lle pode chamar democracia a un sistema desmemoriado e cómplice que leva corenta anos permitindo que os certificados de defunción falen de hemorraxias internas cando deberían dicir asasinato. Corenta anos de placas e cruces lembrando asasinos, mentres as vítimas, as nosas, as dos demócratas, fican esquecidas nas cunetas da vergoña, como nun último castigo, o máis cruel, para as persoas que xa padeceran tanto" sinalou Fajardo. Pero  a que, sen dúbida, protagonizou un dos momentos máis emotivos da xornada foi Begoña Caamaño, neta do ex presidente asasinado o 12 de novembro de 1936 Amancio Caamaño Cimadevila, e que falou en nome de todos os familiares presentes. Insistiu en facer extensivo a súa homenaxe a seu avó a "todas as persoas, a todas as familias das persoas que sufriron o xenocidio da ditadura, cando este era un país arrasado polo medo". Tivo unha lembranza especial para o seu pai, fillo do ex presidente, a día de hoxe afectado pola enfermidade do Alzheimer pero que aínda así lembra o acontecido no 36, e a súa avoa Matilde, a viúva do avó fusilado. Leu ademais a carta que Amancio Caamaño lle escribiu aos seus fillos, ás seis da mañá daquel fatídico 12 de novembro. "Queridos hijiños: los hombres que son muy malos conmigo, me apartan de vosotros. ¡Cuánto os quiero! (...)Pero os dejo una madre que es la mejor madre del mundo. Mejor ¡ninguna! (...) es un orgullo para mi, para vosotros tenerla, haberla tenido yo, como esposa, capaz de todos los sacrificios por grandes e inmensos que fuesen. Amadla siempre. Acariciarla mucho, que en vuestras caricias vea las mías y las vuestras juntas, amor de esposo y amor de hijos nuestros. ¡Que grande será su consuelo! Un abrazo y muchos besos de vuestro padre. Amancio. 6 de la mañana. 12-11-36"

O 12 de novembro

O 12 de novembro de 1936, na estrada de Campañó, ao seu paso polo concello de Poio, foron fusiladas 10 persoas por defender a democracia e a República e por opoñerse ao golpe fascista de xullo dese mesmo ano. Entre as persoas asasinadas atopábanse dous ex presidentes e varios funcionarios da Deputación de Pontevedra. O 12 de novembro de 2016, no mesmo día do 80 aniversario daquela barbarie, o actual goberno da Deputación de Pontevedra celebrou este acto institucional de Reparación da Memoria Histórica, co obxecto de honrar a memoria do funcionariado e dos cargos políticos represaliados durante esa etapa negra da historia. Ademais dos dous presidentes asasinados -Amancio Caamaño e José Adrio-, incluíronse na homenaxe tres ex presidentes máis que tamén padeceron as consecuencias da sublevación militar - Bibiano Fernández, Joaquín Maquieira, e Maximiliano Pérez-, e dous funcionarios -Ramiro Paz e José García Vidal-. O Pazo provincial, fora durante tres días de xullo de 1936, o lugar no que os dirixentes da Pontevedra republicana se reunían para facer fronte á sublevación militar, os mesmos dirixentes que despois pagarían coa súa vida ou co exilio.