Noticias

A Deputación celebra o Día Internacional da Xuventude implicando á mocidade de "Depoaventura A Lanzada" no coidado do medio ambiente

"A mocidade é unha fonte incansable de ideas para innovar e mellorar a sociedade e se queremos unha sociedade de futuro debemos ensinala a preservar o noso medio natural", manifestou a presidenta provincial


11 agosto 2018
Día mundial da Xuventude en DepoAventura A Lanzada

Con motivo do Día Internacional da Xuventude, que terá lugar este domingo 12 de agosto, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude e no marco do campamento "Depoaventura A Lanzada", ten previsto organizar unha actividade o vindeiro luns para implicar á mocidade no coidado do medio Medio Ambiente. "Eco: un planeta en risco", como así se chama a xornada, pretende acadar a participación activa das mozas e mozos do campamento e crear espazos de encontro para o debate e reflexión sobre a contaminación e a necesidade de preservar a nosa contorna.

A presidenta provincial, Carmela Silva, recordou que foi no ano 1999 cando se comezou a celebrar en todo o mundo o 12 de agosto como Día Internacional da Xuventude. "A mocidade significa o cambio preciso e positivo, unha fonte incansable de ideas para innovar e mellorar a sociedade e se queremos unha sociedade de futuro debemos ensinala a preservar o noso medio natural", destacou Silva.

Neste contexto, A Deputación de Pontevedra, tendo en conta que este ano "Depoaventura A Lanzada" ten entre un dos seus contidos transversais a formación para a sensibilización e prevención dos lumes, porá en marcha o vindeiro luns "Eco: un planeta en risco". Esta actividade consiste nun xogo en grupos nos que catro forzas supremas (o lume, terra, aire, agua) conquistan as catro faccións da terra para manter o seu equilibrio medioambiental. Entre outras cuestións, a actividade ten por obxectivos determinar obxectos contaminantes, analizar as consecuencias da contaminación no planeta e estudar as enerxías renovables implicando, deste xeito, á mocidade no coidado do medio ambiente.