Noticias

A Deputación festexa o Día de Europa reivindicando unha unión máis humana e social no combate contra os efectos sociais e económicos da pandemia

A recoñecida experta Susana del Río será a relatora do seminario en liña previsto para o luns e, desde esta fin de semana, as redes sociais acollerán a versión telemática de "Degusta Europa" coas achegas de receitas e vídeos de cociñeiras e cociñeiros galegos


08 maio 2020

A Deputación de Pontevedra súmase aos festexos do Día de Europa, que se conmemora este sábado, cun amplo programa de actividades que amosa a vocación europeísta da institución e a súa reivindicación para conseguir unha Europa máis social e co enxalzamento dos vínculos entre a gastronomía das rexións da Unión Europea e a cociña da provincia de Pontevedra, cunha homenaxe aos produtos de proximidade.

A presidenta, Carmela Silva, presentou hoxe as tres actividades que comezarán este próximo luns día 11, ás 10.30 horas, cun seminario en liña a cargo da recoñecida experta Susana del Río Villar titulado "Que Unión Europea necesitamos?". Silva destacou que a relatora é unha das maiores expertas en políticas europeas e non é casual que a Deputación optase por unha muller "porque se están a organizar moitos seminarios web e xornadas sobre a resposta post COVID-19 e algúns deles sen ningunha muller, así que nós apostamos por unha muller que é unha voz moi autorizada". A presidenta aproveitou a ocasión para esixir que a Unión Europea se transforme na "unión das persoas e das políticas sociais" e, nesta liña, avogou por que se liberen os fondos necesarios para atender os efectos sociais e económicos que está a causar a pandemia.

WebInar Día de Europa

Susana del Río é doutora Cum Laude en Ciencias Políticas e Socioloxía e, como recalcou Carmela Silva, "unha firme defensora da necesidade de incorporar o sentir da cidadanía ás institucións comunitarias". A traxectoria de Susana é impoñente: Premio Extraordinario de Doutorado en Ciencias Sociais e Xurídicas, académica da Academia Europea de Ciencias e Artes de Salzburgo, directora do grupo académico Una Europa que Une, experta para a Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo, profesora no Máster UE do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais e membro do Comité de Expertos Independentes da Comisión Europea en Cidadáns e Gobernanza e Democracia nun contexto supranacional. O formulario para participar no seminario en liña deste luns está subido nas redes sociais e na páxina web da Deputación.

O segundo "prato" da celebración da efeméride europea será a chegada da versión en liña do programa "Degusta Europa", que nos últimos catro anos consistiu en degustacións de tapas típicas de diversas rexións da comunidade europea elaboradas con produtos locais das Rías Baixas nos distintos mercados de abastos da provincia. Nesta ocasión, por mor da pandemia de COVID-19, a Deputación opta polo formato telemático e, desde esta fin de semana, poñerá á disposición do público todas as receitas elaboradas grazas á colaboración dos Centros de Formación Profesional de Hostalería Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra). "Deste xeito a xente poderá elaborar as tapas coa nosa materia prima e degustalas nas súas casas", explicou Carmela Silva.

Esta actividade complementarase cunha serie de vídeos elaborados por xefas e xefes de cociña galegos traballando nalgunha das súas elaboracións, os cales colgaranse nas súas redes sociais e compartiranse nos perfís da Deputación. Xa está confirmada a participación de Iván Méndez, cociñeiro do restaurante vigués Marina Davila e representante de Galicia no Bocuse d'Or 2015, o maior certame da gastronomía mundial, e no concurso Cociñeiro do Ano. Nos próximos días iranse dando a coñecer novas e novos participantes.