Noticias

A Deputación celebra o "Día da Biblioteca" agasallando libros ás persoas usuarias da biblioteca do arquivo

A deputada de Patrimonio María Ortega entregou catro lotes de títulos da Editorial da Deputación á persoa que máis préstamos retirou no último ano e a outras tres escollidas por sorteo


23 outubro 2020
Día das bibliotecas

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación celebrou hoxe o "Día da Biblioteca" que se conmemora anualmente cada 24 de outubro agasallando con lotes de libros a unha representación das persoas usuarias da súa biblioteca. No acto estivo unha representación do persoal do servizo e a deputada de Patrimonio María Ortega, que fixo entrega dos lotes á persoa que máis préstamos retirou e a outras tres das que están dadas de alta no servizo.

A deputada aproveitou a efeméride para poñer en valor o traballo da biblioteca xestionada polo servizo de Patrimonio xa que, segundo subliñou, é un servizo aberto a toda a cidadanía, aínda que principalmente é utilizada por persoal investigador, e consta con preto duns 20.000 volumes e información bibliográfica referentes á provincia de Pontevedra e ós seus diferentes concellos.

O primeiro dos lotes de libros foi para a persoa que máis exemplares retirou no servizo de préstamo durante o período entre o 24 outubro 2019 e o 24 outubro deste ano, Alfredo Velo Antón, veciño de Marín, que retirou 55 exemplares, 22 máis que a persoa na segunda posición. Os outros tres lotes sorteáronse entre o resto de prestameiras e prestameiros que fixeron uso do servizo durante ese período.

Nos lotes incluíronse títulos da produción da Editorial da Deputación como "Breve historia de Cambados", "Aves do río Gafos", "A Nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina", "A conversa expansiva: VII Obradoiro Internacional de Tradución poética en San Simón", "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao" ou "As Neves: extinción".

O resto dos exemplares foron para a veciña de Pontevedra Diana Dúo Rámila,  Leoncio Feijoo Lamas (investigador con varios libros publicados: "El muelle del Burgo", "Los gigantes de Pontevedra… )" e  Alejandro Pombo Rial, que non puido asistir por estar estudando en Salamanca, onde realiza un máster en Investigación en Historia.

A biblioteca do Arquivo provincial é utilizada por un grande número de persoas non só para a consulta de exemplares e a retirada de préstamos, senón que tamén para facer uso de outros servizos como por exemplo información e referencia bibliográfica, estudo de oposicións na sala ou uso do wifi. A afluencia diaria á biblioteca ás persoas prestatarias/consultoras cuxa interactividade queda rexistrada ronda unha media de 7 persoas, o que daría en días laborais unhas 140 ao mes e polo tanto preto de 1.680 nun ano.

O número de persoas dadas de alta na biblioteca como usuarias (requisito imprescindible para poder coller un libro en préstamo ou consulta) é de 972, dándose nos últimos anos a seguinte evolución: no ano 2018 rexistráronse 221 altas, no 2019, 288 altas e no que vai de 2020, 152 altas. É evidente por este último dato que a tendencia alcista viuse severamente freada por motivo da pandemia e do cese temporal da actividade presencial.

A incidencia da pandemia obsérvase tamén claramente nos datos dos préstamos e consultas, xa que no ano 2018 prestáronse 986 libros a domicilio e os libros consultados nas instalacións da biblioteca foron 787; no ano 2019 subiron a 1243 e  902 exemplares respectivamente; e no ano 2020 (ata 21 de outubro) os libros prestados a domicilio foron 698 e os consultados 649.

Ese descenso que se observa nos diferentes aspectos da actividade presencial motivados polo peche da pandemia provocou, pola contra, un aumento das consultas realizadas vía mail e a través do portal web AtoPO. No momento actual, debido ás complicadas circunstancias motivadas da pandemia Covid-19 lévase a cabo unha adecuada atención presencial mediante solicitude de cita previa a través do correo biblioteca@depo.gal.