Noticias

A Deputación celebra este luns a webinar destinada a PEMES e persoas autónomas sobre "Axudas públicas á reactivación"

O evento contará coa intervención de Fernando Picón, experto en xestión empresarial, innovación, dixitalización e internacionalización


04 xullo 2020

"Axudas públicas á reactivación" é o título da charla en formato webinar que, organizada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar este luns 6 de xullo ás 10.00 horas. O evento, que se desenvolverá a través da ferramenta Zoom, terá como poñente a Fernando Picón experto en xestión empresarial, innovación, dixitalización e internacionalización. Esta nova videoconferencia está enmarcada na campaña informativa de seminarios on line, que a Deputación estableceu a raíz da Covid19, destinados a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas na procura da reactivación do emprendemento entre a poboación e propiciar o crecemento económico sostible mediante a formación.

Webinar Axudas públicas

Fernando Picón, colaborador da EOI e docente de marketing dixital, é socio director de OBZ Consulting, empresa especializada na xestión deste tipo de axudas e cun coñecemento profundo sobre os seus requirimentos. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, cun MBA no Instituto de Empresa de Madrid, e conta cun posgrao en Marketing Internacional pola Universidade de California Berkeley. Conta con máis de 20 anos de experiencia en xestión empresarial, innovación, dixitalización e internacionalización, e, ao longo da súa traxectoria profesional, foi director de proxectos en Alexander Proudfoot PLC e analista de Marketing en Televés.

Picón detallará nesta webinar as iniciativas existentes e dispoñibles cara ás axudas públicas que se activaron para a pemes e persoas autónomas, así como á estratexia e sistemática adecuada para maximizar as posibilidades de acceder a elas. Tamén se exporán os criterios para a xestión de axudas e subvencións, tanto as derivadas da Covid19 como as recorrentes, as diferentes tipoloxías existentes e as pautas para que as empresas poidan planificar as súas necesidades.

As persoas que queiran asistir, de  forma gratuíta, a esta videoconferencia poderán facelo ao través da súa correspondente inscrición no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScaImEDmKM6WBT330qb6uK7NzB93SIOmf0IKHolxwGmh8PVzg/viewform)