Noticias

A Deputación celebra este domingo o Día Mundial das Zonas Húmidas coa ruta "Voando nas Rías Baixas" no Esteiro do Miño e na Foz da Ramallosa

Carmela Silva destaca cara ao Día Mundial das Zonas Húmidas "a evolución dunha sociedade que agora pon en valor e protexe estas zonas, cando fai poucos anos se querían urbanizar"


02 febreiro 2018
voando nas rías baixas

A Deputación de Pontevedra únese a celebración do "Día Mundial das Zonas Húmidas 2018" coa celebración dunha nova ruta ornitolóxica no Esteiro do río Miño e na Foz da Ramallosa que se celebra este domingo día catro de febreiro coa colaboración da sección pontevedresa da organización SEO-Birdlife baixo o nome de "Voando nas Rías Baixas".

Uníndose a esta conmemoración a Deputación programou a visita á Foz da Ramallosa e ao Esteiro do río Miño por tratarse de dúas zonas próximas a zonas habitadas e que conteñen unha grande variedade de especies de aves. Así, falamos de zonas especiais de conservación e zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e nelas acóllense milleiros de aves de invernada ou que empregan o espazo no seu tránsito cara o Sur. Así, podemos atopar limícolas como mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías como patos, garzas, mergullóns ou pentumeiros. Tamén se poden ver aves rapaces, entre as que destacan a gatafornela, o lagarteiro cincente e a aguia peixeira, podendo observar a súa espectacular forma de pesca. O interese que suscita esta iniciativa medioambiental da Deputación de Pontevedra ponse de manifesto polo esgotamento das prazas dispoñibles para este roteiro en apenas 24 horas.

Xunto a esta visita conforman "Voando nas Rías Baixas" a ruta guiada ao Complexo Intermareal Umia-O Grove (que tivo lugar o pasado 21 de xaneiro) e ás Brañas de Xestoso (prevista para maio de 2018). A campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo, presentado hai unha semanas xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.

O "Día Mundial das Zonas Húmidas 2018", celébrase este ano baixo o epígrafe dos "zonas húmidas para un futuro urbano sostible", e quere poñer de manifesto a importancia de contar con zonas húmidas preto das cidades e a súa necesidade de preservación dada a súa importancia no benestar da cidadanía. De feito a declaración da convención Ramsar (Convención sobre as zonas húmidas asinada por máis de 140 países o dous de febreiro de 1971) destaca que "durante as tormentas, as zonas húmidas urbanas absorben o exceso de precipitacións, reducindo as inundacións nas cidades e evitando desastres e os seus correspondentes costes. A abundante vexetación que existe nas zonas húmidas urbanas serve de filtro para os refugallos urbanos e axudan a mellorar a calidade da auga". A declaración deste día mundial reclama que as zonas húmidas sexan integradas nos plans de desenvolvemento e xestión das cidades "polos beneficios económicos, sociais e culturais que poden aportar á cidadanía".

A Deputación de Pontevedra está a apostar polo turismo ornitolóxico como unha nova modalidade para coñecer a provincia. Deste xeito, xunto con estas novas rutas, a institución provincial patrocinou no 2017 o documental España, la tierra prometida na que as Rías Baixas protagonizaron tres dos catro capítulos que o conforman.