Noticias

A Deputación celebra esta fin de semana o día do Enoturismo e oferta unha axenda cargada de teatro, música, moda e sendeirismo

Amais dunha cata sensorial na sede provincial en Vigo, a Deputación ten programadas unha pasarela de moda, unha ruta ornitolóxica, unha actuación musical e tres teatrais


12 novembro 2021

A Deputación de Pontevedra ten preparada esta fin de semana unha potente oferta cultural e deportiva que fai patente o seu compromiso co lecer da provincia. A "Cata sensorial coa Ruta do Viño Rías Baixas" será o prato forte da ocasión, onde as persoas participantes poderán sentir todas as características que diferencian os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén terá lugar a estrea do desfile "Costuras de Alecrín. By Rías Baixas", que achegará aos e ás súas asistentes unha experiencia na que gozarán de deseño de moda, música e danza. Amais, os concellos de Moraña, Catoira, Bueu, Meis e Redondela acollerán actividades dos programas provinciais "Voando nas Rías Baixas", "Tornar as táboas" e "Musigal".

O ente provincial celebra este sábado 13, na sede de Vigo, o Día Europeo do Enoturismo coa súa "Cata sensorial coa Ruta do Viño Rías Baixas", cuxas entradas xa se esgotaron. A celebración consiste nunha cata sensorial a cegas que ensinará aos e ás asistentes a sentir todas as características e matices que fan únicos aos viños Denominación de Orixe Rías Baixas. Cataranse viños monovarietais, plurivarietais, unha elaboración especial, un tinto e tamén un espumoso; e acompañaranse de queixos, pan, conservas da man de ANFACO e doces, espremendo ao máximo os cinco sentidos.

"Costuras de Alecrín. By Rías Baixas" é a nova aposta da Deputación de Pontevedra para pór en valor a moda galega, a máis emerxente a nivel nacional, no marco dun espectáculo no que estarán moi presentes a música e a danza tradicional. Esta especial pasarela chegará este venres 12 ás 20.00 horas a Villa Solita (Vigo), e contará cunha selección de traxes de tradición galega e nacional da deseñadora artesá galega Reme Espantoso, e do cordobés José Perea. Conducido por Diana Nogueira, o desfile estará acompañado dunha actuación de música e danza a cargo de Rosa Cedrón, Christian Silva, Iván Villar e Estefanía Gómez. A inscrición pode realizarse, de xeito gratuíto, a través do correo electrónico da área de Cultura da Deputación: participa.cultura@depo.es. Do mesmo xeito, o venres ás 21.30, terá lugar en Moraña no marco de "Musigal" o concerto de Tanxugueiras.

Pola súa banda, "Voando nas Rías Baixas" chega este domingo á Enseada de San Simón. Sen dúbida, este espazo protexido pola Rede Natura 2000, constitúe un dos mellores lugares nos que observar o parrulo asubiador e outros anátidos atractivos. Destaca pola influencia das súas mareas, que propicia nesta paisaxe intermareal a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, así como de paseriformes dos contornos arbóreos. Os e as súas asistentes poderán gozar de limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo ou o mazarico real; e de ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas, corvos mariños e vistosos picapeixes.

Amais, a Deputación reafirma o seu interese de achegar as artes escénicas aos seus concellos co programa "Tornar as Táboas", que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a cargo de 35 compañías diferentes. Esta fin de semana contará con tres novas funcións. O sábado 13, ás 19.00, Bandullo Azul ofrecerá o seu espectáculo "Mestre ma non troppo" en Catoira e, ás 21.00, Teatro de Ningures interpretará "O Ogrocho" en Bueu. Finalmente, o domingo 14 ás 19.00, será a quenda do Baúl da Tía Lola en Meis con "Lixo".