Noticias

A Deputación cederá unha oficina no viveiro de Barro-Meis á persoa gañadora do Premio Xove Empresario do Ano 2017

O deputado Santos Héctor Rodríguez recibiu a directiva de AJE Pontevedra para dar a coñecer a convocatoria do XXII Premio Xove Empresario do Ano 2017


19 outubro 2017
AJE

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, recibiu esta mañá a directiva de AJE Pontevedra, encabezada polo seu presidente, Pablo Fernández, para a presentación do XXII Premio Xove Empresario do Ano Pontevedra. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de outubro ás 23:59 horas e a entrega terá lugar o martes 31 de outubro ás 20:30 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Santos Héctor Rodríguez amosou a predisposición da Deputación de Pontevedra para colaborar con AJE Pontevedra. "Xa o ano pasado, cedémoslle á asociación, por vez primeira, unha oficina no viveiro de Barro-Meis para desenvolver un dos proxectos empresariais galardoados na convocatoria do Premio durante un ano, prorrogable ata dous, e este ano decidimos volver apostar por esta colaboración", subliñou o deputado provincial. Para Héctor Rodríguez é fundamental "promover a cultura do emprendemento entre a mocidade para impulsar o fortalecemento do tecido empresarial na provincia de Pontevedra, e xerar así desenvolvemento económico".

O XXII Premio Xove Empresario do Ano, impulsado por AJE Pontevedra, ten por obxectivos promover a cultura emprendedora, a innovación empresarial, a creación de emprego e a internacionalización das pemes, galardoando aquelas persoas emprendedoras mozas que contribúen a crear riqueza e emprego na nosa provincia. Así, serán obxecto de galardón as ideas de negocio lideradas pola mocidade da nosa provincia e que sexan viables técnica e economicamente.

En liñas xerais, o premio consiste en dúas categorías: a primeira delas, Xove Empresario do Ano, entrega como premio a oficina ou nave no polígono industrial de Barro-Meis durante un ano, prorrogable a dous, ademais dun ordenador persoal, unha bolsa para cursar un MBA, un ano de afiliación na AJE Pontevedra e unha escultura conmemorativa do evento. A segunda categoría do premio denomínase Xove Emprendedor do Ano e está dotada dun ano nun dos viveiros do consorcio da Zona Franca de Vigo, un ordenador persoal, unha bolsa para cursar un MBA, un ano de afiliación gratuíta na AJE Pontevedra e unha escultura conmemorativa do evento.

Ademais, as candidaturas presentadas, que teñen de prazo ata o 29 de outubro ás 23.59, poderán optar a tres accésits na modalidade de innovación, creación de emprego e empresariado con discapacidade así como un premio honorífico ao empresariado de recoñecido prestixio da provincia de Pontevedra.

A entrega do XXII Premio Xove Empresario do Ano terá lugar o vindeiro martes, 31 de outubro, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ás 20.30 horas.