Noticias

A Deputación axiliza a mellora da mobilidade peonil no camiño escolar da EP-3102 ao CEP Pedro Caselles no concello de Tomiño

A Xunta de Goberno ven de aprobar o expediente para contratar as obras, que inclúen unha senda peonil, elementos de calmado de tráfico e a renovación da iluminación para garantir a seguridade do tránsito de persoas


20 novembro 2021

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar este venres o expediente para contratar as obras de mellora da mobilidade peonil no Camiño Escolar da EP3102 ao CEP Pedro Caselles en Tomiño, un proxecto que inclúe a construción dunha senda, a incorporación de elementos para o calmado do tráfico e a renovación da iluminación para garantir a seguridade das persoas, ao abeiro do modelo de mobilidade sostible da institución provincial. A  obra está presupostada en 286.235 euros, dos que a Deputación aportará o 70% (200.364€) e o Concello de Tomiño o 30% (85.870€) a través dun convenio.

A actuación comprende un tramo de 400 metros da E.P.-3102 comprendido entre o Colexio de Primaria Pedro Caselles e a intersección coa nova Avenida Baixo Miño. Este treito dá acceso a varios equipamentos, como o citado centro escolar, así como a igrexa e o cemiterio, de xeito que é moi concorrido por peóns e peoas, polo que a obra ten como finalidade adaptar este viario ao modelo de mobilidade da Deputación, cun deseño comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade.

A senda peonil prevese na marxe dereita, con 3,78 metros de ancho, e os traballos a executar inclúen tamén a habilitación de elementos redutores de velocidade, así como a renovación da iluminación viaria (que incluirá novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede) e o drenaxe de pluviais.  A maiores contémplase unha mellora para os peóns/as e ciclistas ao engadir máis vexetación á contorna cun novo arborado. Tamén se soterrarán os servizos de alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións, e reinstalarase a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.

A sección da calzada, na que se reforzará o firme e se reporá a capa de rodadura, estará constituída por dous carrís, un en cada sentido, cun ancho de 3,20m, e beiravías a ambos lados. Na marxe esquerda da vía manterase a beirarrúa existente. Por outra banda, na zona próxima á nova rotonda executada na EP-3102, reordenarase o espazo actuando en toda a sección viaria, continuando coa senda de 4,65 metros de ancho na marxe dereita, dividindo a calzada en dous carrís de 3,10m e unha banda de aparcamento en liña de 2,6m de ancho, mantendo o trazado da beirarrúa da marxe esquerda.