Noticias

A Deputación avanza en novas actuacións de mobilidade segura en Gondomar e Salvaterra de Miño cun investimento de medio millón de euros

O Goberno adxudica as obras de humanización en Peitieiros e Chaín-Morgadáns en Gondomar e aproba a saída a licitación das obras de mellora da mobilidade peonil da EP-4006 no treito antigo do colexio de Leirado en Salvaterra de Miño


03 xullo 2021
Investimentos en Gondomar e Salvaterra

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un novo investimento de preto de medio millón de euros para desenvolver dúas obras de mellora de infraestruturas baixo os parámetros do modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial nos concellos de Gondomar e Salvaterra de Miño. Son actuacións, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, dirixidas a "mellorar a seguridade e mobilidade peonil e rodada" nestes viarios.

No caso de Gondomar, o Goberno acaba de adxudicar as obras de humanización da interconexión entre as rúas San Bieito e Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns, por un orzamento de 250.000 euros. Os traballos contemplan a ampliación e construción de beirarrúas cun ancho xeral de 2,5 metros e a habilitación de novos pasos de cebra elevados, tamén coa redución da velocidade para os vehículos. Incluirase tamén a renovación da iluminación pública, recollida de pluviais e residuais e canalizaranse as instalacións de enerxía, iluminación e comunicacións.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para licitar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 no treito antigo do colexio de Leirado, en Salvaterra de Miño, cun orzamento que supera os 214.000 euros. Estes traballos darán resposta, como destacou Carmela Silva, "a unha reclamación histórica da veciñanza de Leirado" e mellorarán a seguridade, ademais de habilitar un camiño escolar seguro cara o centro escolar. As obras incluirán a execución dunha senda peonil de 2,5 m de ancho, á que dará continuidade unha beirarrúa de formigón coloreado, e prevese a redución da velocidade do tráfico rodado a 30 quilómetros por hora á altura do CEIP Leirado. Habilitarase un paso sobreelevado para dar acceso ao alumnado do centro de forma segura e tamén se creará unha zona de estacionamento de autobuses segura e ben delimitada á beira do colexio. As obras completaranse coa nova rede de pluviais, ademais dunha nova capa de rodaxe e novo pavimento, pintado e sinalización horizontal e vertical.