Noticias

A Deputación de Pontevedra aumenta ata 200.000 euros as axudas a concellos para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística

A deputada de Lingua, María Ortega, sinala a importancia de que as entidades locais aposten pola normalización de xeito estable


18 xuño 2020

O Servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra aumentará un 33 %, chegando ata os 200.000 euros, os fondos destinados a axudas a concellos para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais, tal e como se aprobará mañá venres en Xunta de Goberno.

Segundo explica a deputada de Lingua, María Ortega, o obxectivo deste aumento é apostar pola normalización de xeito estable nos concellos, fuxindo de actividades puntuais. Ademais, promoverase a agrupación de concellos para facer fronte aos custos do servizo, facilitando a posta en marcha mancomunada nas entidades máis pequenas e con menos recursos.

Ortega explica que poderán ser obxecto de subvención a creación do Servizo de Normalización Lingüística, o mantemento, e o reforzo do servizo, no caso de concellos que xa dispoñan de SNL e queiran melloralo contratando persoal a maiores ou incrementando a xornada existente. En xeral, a Deputación concederá subvencións para financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) das entidades locais.

A principal novidade é que as contías chegarán ata 20.000 euros –fronte aos 15.000 anteriores– no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100 % do custo do persoal a contratar para xornada completa, e só o 80 % no caso de mantemento. Para as agrupacións de concellos, a cifra sube ata os 25.000 euros, mantendo as mesmas porcentaxes para creación, reforzo, e mantemento. Como compromiso principal, as entidades solicitantes comprométense ao mantemento do SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.

En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollan a esta convocatoria, tanto internas como externas, serán asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da Administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración, entre outras.

Outra das novidades desta convocatoria é que os concellos solicitantes terán permitido optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible nas anteriores edicións.

"Queremos que as entidades aposten de xeito estable por ter servizos de normalización, que se multipliquen, e que na provincia se cree unha rede de servizos de fomento da lingua, xa que é un departamento esencial. Ademais, como entendemos que hai concellos que non teñen recursos, queremos facilitar os servizos de normalización mancomunados e que non haxa escusas para poder traballar a favor do noso idioma", dixo María Ortega.