Noticias

A Deputación asina un convenio co Colexio Oficial Veterinario destinado o benestar animal

O acordo de colaboración está destinado a incrementar esta cultura sanitaria e medio ambiental ao través de congresos, cursos e xornadas


04 outubro 2017
Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial Veterinario de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra asinou co Colexio Oficial Veterinario de Pontevedra un convenio valorado en 9.000 euros e que ten por obxectivo a colaboración entre ámbalas dúas institucións no eido da saúde pública, o benestar animal e o medio ambiente.

Con este convenio preténdese axudar a incrementar a cultura sanitaria das xentes da provincia de Pontevedra a través da realización de xuntanzas profesionais, cursos de formación e xornadas técnicas. As persoas beneficiarias de estas actividades serán veterinarias e veterinarios, transportistas, gandeiras e gandeiros e todos os concellos da provincia, especialmente os de menor poboación que carecen de recursos para o censado e rexistro de mascotas.

Máis polo miúdo, con este convenio organizouse en xuño o Congreso Veterinario Vetnoroeste que versou sobre os animais de compañía, contou con relatores de primeira fila e asistiron máis de 300 veterinarias e veterinarios de España e Portugal. Ademais, nos próximos meses haberá tres cursos en materia de benestar animal para transportistas de animais vivos destinados a obter o certificado de competencia esixido pola lexislación e dúas xornadas técnicas de asesoramento aos concellos sobre o censado e rexistro de mascotas. Estes cursos, que teñen unha limitación de 32 prazas, teñen por obxectivo preparar aos asistentes e darlles os coñecementos suficientes para poder superar unha proba de certificación de competencia no transporte de gando pola estrada.

Ademais, este convenio servirá para organizar dúas xornadas técnicas de asesoramento e dúbidas sobre os censados ou rexistros de mascotas destinado a representantes de concellos da provincia. Posteriormente porase a disposición dos concellos un sistema de respostas a consultas sobre como levar correctamente o rexistro e identificación das mascotas.