Noticias

A Deputación asesorará o Concello de Moaña na mellora da accesibilidade e mobilidade da vila

Os deputados Uxío Benítez e Xosé Leal e o arquitecto provincial Jesús Fole reuníronse hoxe coa alcaldesa e varios concelleiros


06 nov 2015
A Deputación asesorará ao Concello de Moaña na mellora da accesibilidade e mobilidade da vila
A Deputación asesorará ao Concello de Moaña na mellora da accesibilidade e mobilidade da vila

A Deputación de Pontevedra asesorará o Concello de Moaña para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria no municipio do Morrazo. No día de hoxe os deputados Uxío Benítez e Xosé Leal, e o asesor Jesús Fole, reuníronse coa alcaldesa e varios concelleiros co fin de estudar as posibilidades de actuación na vila.

O encontro desenvolveuse no edificio do Concello, onde o arquitecto provincial Jesús Fole instou os membros do goberno local a realizar un proxecto estratéxico de mobilidade que inclúa propostas globais de futuro para o municipio. O deputado Uxío Benítez, pola súa banda, explicou os criterios referidos ás actuacións en materia de infraestruturas, primando os tránsitos peonís, de ciclistas e de persoas de mobilidade reducida sobre a circulación rodada, que a Deputación de Pontevedra seguirá nos vindeiros catro anos.

Posteriormente, os membros da reunión trasladáronse ao núcleo da vila, onde se estudaron diferentes actuacións concretas en materia de accesibilidade, singularmente na zona do paseo marítimo, onde se formulou a posibilidade de eliminar zonas de aparcamento e restrinxir a circulación de vehículos, cuestión que a curto prazo non está dentro da axenda do goberno local.

A alcaldesa, pola súa banda, formuloulle ao deputado de Infraestruturas a necesidade de mellora de varias estradas provinciais dentro do municipio e a instalación de beirarrúas nalgunhas vías, así como a realización de rozas e limpezas de cunetas en tramos concretos da rede provincial.

Neste sentido, Uxío Benítez instou a rexedora de Moaña a realizar un informe sobre os tramos de estradas provinciais máis problemáticos a nivel de seguranza viaria co fin de priorizar as actuacións que se poidan levar a cabo no futuro. De feito, a Deputación está a traballar na elaboración dunha actuación xenérica para toda a provincia co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguranza viaria dos 1.700 quilómetros de vías provinciais.

O Concello de Moaña conta con catro estradas de titularidade da Deputación: a EP-1101 entre Moaña-Berducedo (2,8 quilómetros), a EP-1102 entre Meira-Fraga (5,227 quilómetros), a EP-1103 San Benito-Domaio (2,441 quilómetros) e a EP-1104 Moaña-Coiro (3,960), que conecta co concello de Cangas.