Noticias

A Deputación asesora con información e material no punto violeta das festas patronais das Dores de Lalín

Persoal do Goberno provincial presentou os materiais das campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote e ofreceu recomendacións para unha axeitada atención desde a perspectiva de xénero


20 setembro 2018
Punto violeta nas Festas das Dores de Lalín

Persoal do Departamento de Igualdade da Deputación de Pontevedra, a solicitude do Concello de Lalín, participou nun encontro de traballo para asesorar aos profesionais municipais na posta en marcha dun punto violeta durante as festas patronais de Lalín, que van ter lugar desde mañá venres, día 21 e ata o 25 de setembro. Ademais das técnicas do Servizo de Igualdade da Deputación, na xuntanza participou a concelleira de Igualdade de Lalín, María Xesús Sánchez Fernández; persoal técnico da Oficina de Igualdade de Lalín; representantes de Protección Civil e da Comisión de Festas; así como voluntariado da Asociación Feminista Azos e da Garda Civil.

O Goberno municipal de Lalín tiña demandado á Deputación de Pontevedra un encontro de traballo para o asesoramento técnico na posta en marcha dun punto violeta durante as festas patronais, así como a disposición de todo o material dispoñible das campañas "Lembra, eu decido, ti respectas" e "Conta comigo. Eu respéctote". Trátase dunhas xornadas de traballo que, desde a Deputación, tamén se mantiveron todo este verán previamente á realización dos distintos #RíasBaixasFests, aínda que daquela a iniciativa da propia institución provincial.

En Lalín, persoal da Deputación informou das características propias destas dúas campañas de Igualdade postas en marcha na institución para previr as violencias machistas. Explicáronse os seus obxectivos e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores. Para o punto violeta das festas patronais de Lalín, desde a Deputación facilitaranse 1.000 dípticos e adhesivos sobre os contidos de ambas campañas.

Ademais de presentarse os materias das campañas de igualdade, desde a Deputación tamén se asesorou sobre o plan de traballo que o organismo provincial realizou este verán nos diferentes RíasBaixasFests. Analizáronse as respostas á hora de intervir, así como problemas habituais que se atopan as e os profesionais.

Igualmente, desde a Deputación facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención desde a perspectiva de xénero e resaltouse a importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos a realizar para garantir o normal desenvolvemento das festas e a seguridade das persoas participantes. Traballouse sobre exemplos de boas prácticas que evitan a revitimización das vítimas e analizáronse os principais problemas que atopan as e os profesionais á hora de intervir. O obxectivo é proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.