Noticias

A Deputación arranca o programa anual "Conectadas" con 40 accións formativas para asociacións da provincia

Xestión Cultural Áurea S. L. adxudicataria desta iniciativa que busca promover a participación e o apoderamento das mulleres


27 abril 2019
conectadas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación do contrato para a execución do programa anual "Conectadas" 2019, que será levado a cabo pola empresa especializada Xestión Cultural Áurea S. L.". Trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que buscan a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento, apoderamento e asociacionismo.

"Conectadas" 2019 conta cun orzamento de 324.000 euros con accións formativas que terán unha duración de 35 horas. En cada unha delas poderán participar entre 20 e 25 persoas, establecéndose un mínimo de 15 persoas. Contémplanse un total de 40 accións distintas ás que optar, agrupadas en oito bloques temáticos: Muller Emprende, Muller e Cultura, Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Ademais, impartirase un módulo obrigatorio de 5 horas de sensibilización na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

No pasado ano 2018, en "Conectadas" participaron máis de 4.500 persoas, a través de 306 entidades de 57 concellos da provincia.