Noticias

A Deputación arranca o proceso para a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na EP-6005 Prado-Bodaño en Lalín

O Goberno provincial aproba o convenio co Concello para abordar esta nova actuación enmarcada no seu modelo de mobilidade sostible, que se desenvolverá nun tramo de medio quilómetro e está presupostada en case 324.000 euros


25 decembro 2021
obras na EP-6005

A Xunta de Goberno da Deputación vén de dar luz verde a unha nova actuación enmarcada no seu modelo de mobilidade sostible, que permitirá mellorar a seguridade viaria e peonil na EP-6005 Prado-Bodaño ao seu paso por Lalín. A institución provincial aprobou o convenio co Concello para abordar esta obra, que permitirá construír unha senda peonil nun treito de case 600 metros desta estrada e que está orzamentada en preto de 324.000 euros, dos que a Deputación asumirá o 80% e o 20% restante o municipio.

En concreto, as obras permitirán delimitar claramente a circulación do tráfico rodado e peonil, creando un itinerario peonil seguro a través da construción dunha senda entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+573 desta estrada, que discorrerá pola marxe dereita desde a intersección coa N-525 ata o núcleo de Vilar do Río. Este itinerario terá un ancho de 2,5 metros e abordarase en formigón coloreado.  Na zona da ponte sobre o Rego de Santa Lucía adecuarase o antigo trazado a estrada e habilitarase como zona de convivencia entre peóns e vehículos, para dar continuidade á senda. Co fin de mellorar a seguridade limitarase a velocidade do tramo a 30 km/h e construiranse cinco pasos de peóns elevados.

A maiores, a actuación contempla a execución dunha nova rede soterrada de pluviais ao longo dos 570 metros nos que se intervirá, tamén na marxe dereita, así como a habilitación dunha cuneta de formigón transitable dun metro de ancho na marxe esquerda, garantindo así a permeabilidade peonil por ambas marxes. Tamén se aglomerará o firme existente en todo o tramo debido ao seu actual estado de deterioro, e se executará unha nova rede soterrada de alumeado público por debaixo da senda. Por último, realizarase a correspondente sinalización horizontal e vertical.