Noticias

A Deputación de Pontevedra arranca o #8M vestindo de reivindicación as súas sedes e coa axenda feminista no centro da acción

Carmela Silva: "Eu non vou participar en manifestacións, pero quero amosar a miña absoluta desconformidade coa súa prohibición. Tense visto concentracións neste país case todos os días, pero só se criminalizan cando son de mulleres"


05 marzo 2021
Sede Pontevedra con pancarta 8M

Co despregue nas sedes de Pontevedra e Vigo da pancarta do 8M, que reclama volver poñer no centro as reivindicacións da axenda feminista, a Deputación arrancou hoxe a súa potente programación para este mes de marzo. A presidenta, Carmela Silva, participou no acto desenvolvido na balconada do Pazo provincial xunto ao vicepresidente, César Mosquera, e deputadas e deputados, e insistiu en que a Deputación ten o obxectivo irrenunciable "reclamar as iniciativas lexislativas, de financiación e de posicionamento para recuperar a nosa axenda" .

A loita contra as violencias machistas, a abolición da prostitución e a oposición contra dos ventres de alugueiro, como a loita para que a corresponsabilidade nos coidados sexa unha realidade "son o centro da vida" están entre os seus principios, como tamén a erradicación da hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres e das nenas, "que cada día está máis presente", e na denuncia contra as precariedades laborais das mulleres, "porque hai que tomar medidas para poñer fin á brecha salarial". "Demandamos –engadiu– a presencia igualitaria das mulleres, queremos o 50 % do poder e que se visibilicen as súas achegas. É intolerable que haxa menos dun 8 % de presencia feminina nos libros de texto. Queremos que a educación en igualdade sexa un eixe transversal en todos os contidos que reciben as nenas e nenos".

"Estou en contra da decisión de prohibir as manifestacións do 8M"

Carmela Silva aproveitou para amosar a súa "desconformidade total e absoluta" coa decisión da prohibición das manifestacións do 8M. "Dáme igual quen tome esa decisión –afirmou–. eu non vou participar en manifestacións e concentracións porque estamos nun momento de pandemia, saíndo dunha terceira ola e hai que evitar entrar nunha cuarta. E creo que podemos facer miles de cousas, facer unha gran denuncia e berrar máis alto que nunca na defensa dos dereitos das mulleres. Pero tamén creo que non é adecuado tomar a decisión de impedilas. Por que non se impiden outras?". Recordou que desde que comezou a pandemia tense visto concentracións "case que todos os días" ou mesmo "un concerto de Raphael con 5.000 persoas" en Madrid. "Canta ideoloxía e canto culpabilizar ás mulleres hai nestas decisións –sostivo–. Entre outras cousas, os colectivos feministas xa anunciaron que as concentracións serán con todas as medidas sanitarias, así que xa está ben que se prohiba e impida soamente cando son actividades realizadas por mulleres e que demandan os dereitos das mulleres. Reclamo o dereito das mulleres a poder ter garantidos sos dereitos constitucionais, igual que noutro tipo de manifestacións. Cando son de mulleres criminalízanse e non estou de acordo".

Actos para o #8M

Coa descuberta da pancarta e co acendido esta noite da iluminación de cor violeta de ambas sedes, que permanecerá ata o día 31, a institución provincial entra de cheo na súa programación para este mes da muller, que terá os seus actos centrais o propio luns 8 de marzo

Tanto a presidenta provincial, as deputadas do Goberno, como as mulleres dos seus equipos farán folga e asistirán aos actos de reivindicación que se desenvolverán en Vigo e Pontevedra. Así, ambas sedes provinciais serán o escenario de dúas intervencións artísticas coordinadas polas creadoras Celeste Garrido, (que levará o título Un feminismo inquebrantable e se desenvolverá no exterior do Pazo provincial, ás 11 horas), e Luz Darriba (titulada Coidarmos e que terá lugar no edificio do Casco Vello de Vigo, ás 18 horas).