Noticias

A Deputación arranca o 8M no Pleno provincial co manifesto de Laura Romero e o audiovisual sobre os coidados

A Corporación participou no visionado do vídeo "Súmate ao cambio". Carmela Silva: "Temos que promover a corresponsabilidade. Os coidados teñen que ser de mulleres e de homes, é unha tarefa de todas e todos"


26 febreiro 2021
Pleno 26 de febreiro de 2021

A Deputación de Pontevedra arrancou este venres a intensa programación que desenvolverá ao abeiro do 8M, que este ano está centrada en reivindicar a axenda feminista desde todos os ámbitos e en todos os eidos, co obxectivo de devolver o protagonismo aos seus principios para que volvan a estar no centro do discurso público. Así, co eixe de "Reivindicando desde a Política", o Pleno provincial participou do visionado do audiovisual sobre os coidados "Súmate ao cambio", que pon o aceno na imprescindible corresponsabilidade "nunha tarefa que a propia pandemia situou no centro de todo", como recordou a presidenta, Carmela Silva.

A presidenta da Deputación puxo sobre a mesa "datos abraiantes" sobre os coidados, que son realizados principalmente polas mulleres. Destacou que "as mulleres realizan o 76 % do traballo non remunerado no ámbito doméstico e público, que o 89 % das persoas coidadoras son mulleres, e que son elas nun 95,2 % as que se acollen á redución da xornada laboral para coidar a algún familiar, nenas e nenos, persoas dependentes ou persoas maiores". Ademais, destacou, todos estes datos indican que "coa pandemia estas cuestións aínda se teñen feito máis visibles posto que son as mulleres as que incluso renuncian á súa profesión para facer fronte aos coidados". A presidenta rematou sinalando que "non hai ningunha dúbida" de que toda a Corporación está de acordo en que hai que promover a corresponsabilidade. Os coidados teñen que ser de mulleres e de homes, de homes e de mulleres".

O Pleno tamén escoitou o manifesto da ilustradora e música Laura Romero, unha das deseñadoras das máscaras do programa "Violencia zero" que hoxe se repartiron no Pleno. Romero fixo un repaso das reivindicacións das mulleres, desde a loita contra a violencia machista, á abolición da prostitución, do negocio dos ventres de alugueiro, á esixencia da paridade real, da visibilización das mulleres, ou da igualdade salarial. Como música, lembrou que o 70 % das mulleres cobran menos da media dos homes, que os postos de mando seguen en mans masculinas ou que nos festivais non hai paridade nos escenarios.

A artista citou verbas de Xela Arias, a quen este ano se dedica o Día das Letras, cando dixo que "deixarei de ser feminista cando as mulleres discriminadas non o estean", e recordou que en 58 anos de historia só 5 mulleres foron homenaxeadas o 17 de maio. Do mesmo modo, deixou claro que aínda que este ano a pandemia obriga a buscar fórmulas distintas para reivindicar, "atoparemos a forma porque é algo que fixemos as mulleres desde hai séculos: buscar a maneira de alzar a voz e loitar polo que é noso". Nese sentido, lembrou a mentalidade do "faino ti mesma", tan propia do punk. "Xa o clamaba Kim Gordon, baixista de Sonic Youth, nesa icónica camiseta verde: `o punk o inventaron as mulleres, non Inglaterra´".

A ilustradora tamén rematou o seu manifesto poñendo o foco nos coidados, "traballo maioritariamente e tradicionalmente feminino, e especialmente precario, mais cómpre lembrar que sen coidados non hai vida". "O feminismo –dixo– ten que ser cooperativo e sororo por definición e precisamos que os homes tamén tomen a iniciativa destes traballos e coidar a quen coida". "Só así –finalizou– con coidados e educación desde a infancia, acadaremos un mundo máis xusto para todas e para todos".