Noticias

A Deputación aproba un orzamento de 175,8 millóns de euros e consolídase como líder no estado nas transferencias aos concellos cun 34,4%

Carlos Font: "Este orzamento suporá un maior investimento nos concellos máis pequenos da provincia e con iso máis dereitos e máis servizos, vivas onde vivas"


17 decembro 2021
Aprobación dos orzamentos

A Deputación de Pontevedra deu hoxe o visto bo definitivo aos orzamentos para 2022, que alcanzan os 175,8 millóns de euros, un 6,86% máis que o anterior, durante o pleno extraordinario celebrado hoxe. Unhas contas que foron cualificadas como "históricas, extraordinarias e valentes" polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, quen ademais destacou que consolidan á institución provincial como a Deputación de todo o Estado que máis recursos transfire aos concellos (un 34,4% segundo estatísticas oficiais do Ministerio de Facenda), "en contraste co modelo do PP, que se reflicte no 0,03% de transferencias realizadas pola Deputación de Ourense". O vicepresidente César Mosquera tamén destacou que o esforzo que se fai para financiar proxectos nos concellos é enorme e dubidou que teña parangón noutra deputación. Os orzamentos definitivos saíron adiante cos 16 votos do Goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG) e a negativa do Partido Popular.

Font recalcou que a Deputación trae con estes números máis políticas sociais e medioambientais e máis axuda para os concellos en plena crise Covid, "mentres que a Xunta segue sen transferirlles un só euro". "Son os orzamentos do Plan ReacPon e tamén, continuou, os que apostan pola sostibilidade no rural, o turismo, a administración electrónica e o plan Ágora, co que recuperamos o espazo público para as persoas, algo no que somos unha referencia en toda España". O deputado incidiu na importancia destes presupostos para os concellos máis pequenos:  "se isto non  é apoiar aos concellos da provincia non sei que se entende por loitar contra o reto demográfico", concluíu. Font denunciou que o PP non presentou ningunha proposta e resumiu a súa oposición na votación final en "palabrería e falta de alternativa".  Pola súa banda, César Mosquera, acusou ao PP de votar en contra dos orzamentos 2022 "agarrándose a calquera cousa" cunha actitude "irresponsable". "Estas contas volven supoñer cartos para tódolos concellos, sen simpatías ou antipatías; os máis beneficiados son os concellos do PP e non colaboran en nada", lamentouse.

O ReacPon, un plan histórico "nunha Deputación saneada e con débeda cero"

O Pleno tamén aprobou, esta vez por unanimidade, as subvencións aos 47 concellos que resultaron beneficiarios do Reacciona Pontevedra (ReacPon), o maior operativo extraordinario de obras na historia da Deputación. A achega de 26,33 millóns de euros por parte das arcas provinciais fará posible a execución de equipamentos municipais valorados nun total de 39,1 millóns de euros (25 actuacións de mobilidade segura,  tres novas  bibliotecas, cinco reformas de casas do concello, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio e oito novas infraestruturas deportivas) repartidas entre concellos gobernados por tódolos signos políticos.

Para facelo posible aprobouse a contratación dun crédito bancario extraordinario de 5 millóns de euros co obxectivo de chegar aos 26,33 millóns acordados trala decisión de financiar os proxectos de tódolos concellos que tiñan cumprido coas bases. Este crédito extraordinario súmase ao que xa estaba previsto contratar por valor de 20 millóns de euros. "Un esforzo moi relevante, destacou Carlos Font, que é posible toda vez que a Deputación ten unha economía saneada ao ter alcanzado a débeda cero". César Mosquera definiu o Reacciona Pontevedra como un plan pensado para os concellos pequenos e medianos e rematou co rogo aos municipios de que as obras se executen canto antes.