Noticias

A Deputación aproba un novo proxecto de 94.000 euros para mellorar a estrada provincial Pazos-Ponteareas en Pazos de Borbén

O deputado Uxío Benítez explica que a obra pretende aumentar a seguranza viaria de peóns e persoas con mobilidade reducida no seu traxecto á igrexa


13 xullo 2018

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo proxecto de 94.000 euros para aumentar a seguranza viaria dun treito de 200 metros na estrada provincial Pazos-Ponteareas, no lugar do Pousiño, dentro do termo municipal de Pazos de Borbén. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou hoxe a actuación ao alcalde Andrés Iglesias nunha visita ao concello que tamén serviu para supervisar as obras finalizadas no cruce da estrada provincial EP-2702 coa vía municipal que leva á igrexa do Valado e anunciar un estudo de mellora para toda a calzada.

O responsable de Mobilidade indicou que o treito da estrada que se pretende mellorar na EP-2703 Pazos-Ponteareas coincide cunha zona estreita debido a que a vía discorre a media ladeira entre peches de propiedades, accesos, colleiras e noiros e na que, polo acceso a ermida do ‘Santo Aparecido', en momentos puntuais o tráfico é elevado. Segundo Benítez, o novo proxecto consistirá en facer unha cuneta de seguridade de dous metros na marxe dereita para posibilitar o tránsito de persoas pola zona, en particular tendo en conta as necesidades dunha persoa con mobilidade reducida que vive nas inmediacións e que ten dificultades para chegar ata a igrexa.

O ‘sobreancho' (non ten a denominación de camiño porque non chega aos 2,5 metros de largo establecidos pola Deputación) irá acompañado dunha beiravía de medio metro, e para a súa construción será preciso levantar un muro de mampostería duns 70 metros de lonxitude, así como facer un desmonte do noiro lateral da marxe dereita da vía. Retranquearánse as luminarias, faranse novos peches de parcelas e instalaranse barreiras de protección. Como xa é habitual nos proxectos provinciais de mobilidade, instalaranse tamén elementos de calmado de tráfico (redutores físicos de velocidade) para limitar o treito a 30 quilómetros por hora.

"A nosa intención, como sempre insistimos, é aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia. Queremos facer unha replanificación profunda das actuacións en mobilidade poñendo sempre como prioridade ás persoas, e con especial fincapé nos colectivos máis vulnerables: os peóns, as persoas con mobilidade reducida e os ciclistas", apuntou Benítez.

Amoedo-Os Valos

Seguindo na liña da seguranza viaria Benítez, acompañado do xefe do departamento de Mobilidade Francisco Alonso, apuntou ao alcalde que o persoal técnico provincial está a estudar unha posible mellora global para toda a estrada provincial EP-2702 Amoedo-Os Valos. Benítez volveu lembrar o alto tránsito de vehículos que soporta, xa que son moitos os camións que utilizan esta vía cara ao polígono industrial para evitar Redondela, así como moitos particulares os que acceden a Vigo e Peinador.

O deputado provincial realizou este anuncio ao alcalde durante a supervisión das obras realizadas pola Deputación no cruce á igrexa do Valado, onde se mellorou a visibilidade da intersección cunha ampliación da vía en ambas marxes, a creación dun carril de espera e a instalación de dous redutores de velocidade -que quedou limitada a 30 qm/h-. O orzamento das obras, apuntou Benítez, ascendeu a 85.506,67 euros.