Noticias

A Deputación aproba por unha unanimidade unha declaración institucional en contra do peche de oficinas bancarias no rural

A presidenta, Carmela Silva, agradece o apoio dos tres grupos políticos da Corporación provincial diante dun fenómeno que está a causar "unha verdadeira alarma social"


10 setembro 2021

"A Deputación de Pontevedra, na defensa do interese xeral da provincia, e moi especialmente dos concellos rurais de menor poboación, entende que as oficinas bancarias prestan un servizo presencial básico". Así comeza a Declaración Institucional aprobada por unanimidade polo Pleno extraordinario da Deputación, ao ter recibido os votos favorables dos grupos políticos do PSdG-PSOE, BNG e PP. A presidenta, Carmela Silva, que deu lectura ao acordo, agradeceu o apoio e xustificouno afirmando que "hai unha verdadeira alarma social, sobre todo nos concellos máis pequenos e rurais, que son os que teñen unha dependencia maior da rede bancaria presencial".

A Declaración considera que as oficinas bancarias son un "servizo imprescindible" nos territoriais rurais, onde abundan poboación de idade avanzada e que carece das competencias dixitais necesarias para operar desde os portais de banca electrónica. "As oficinas bancarias son, en moitas ocasións, o único recurso co que contan estes grupos de poboación para xestionar as contas das que son titulares". Destaca, a continuación, que a provincia de Pontevedra non é allea a este fenómeno de "desertización bancaria" e a veciñanza contempla "con indignación e impotencia" a cadea de peches que xa afecta a Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín), Vilaxoán e O Carril (Vilagarcía de Arousa), Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Panxón (Nigrán), Campo Lameiro, Campelo (Poio) e Corvillón (Cambados) "que son as últimas pezas nesta cadea de peches".

A Deputación lembra que, a pesar de carecer da potestade lexislativas e de competencias neste eido, decidiu "dar a voz de alerta e instar a todo o mapa institucional a sumar esforzos para reverter esta deriva na que os intereses das persoas quedan deturpados pola voracidade dos intereses empresariais". "Poñémonos", conclúe a Declaración Institucional, "a carón de todos os pobos, concellos e comarcas afectadas e animamos a todos os actores políticos interpelados por esta situación a adoptar as medidas administrativas e reguladoras necesarias para manter unha atención bancaria digna, entendida como un servizo esencial, en todo o territorio rural da nosa provincia".