Noticias

A Deputación aproba outro investimento para facer realidade a nova Avenida de Castelao, na Illa de Arousa

A obra ten un orzamento de 1,1 millóns de euros e está financiada integramente pola Deputación a través dun convenio co municipio e achegas do Plan Concellos


01 novembro 2021
Xunta de Goberno

A transformación da Avenida Castelao, na Illa de Arousa, está un paso máis preto de facerse realidade despois de que a Xunta de Goberno da Deputación dera luz verde a un novo investimento do Plan Concellos para este municipio. A achega aprobada é de 81.580 euros e con eles A Illa de Arousa financiará parte da urbanización da recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na avenida, situada na EP-9803.

As actuacións teñen un orzamento de 1.160.220 euros e están financiadas integramente pola Deputación, que a través dun convenio co concello aporta o 70% deste importe e sufragará a parte que lle corresponde ao municipio (o 30% restante) a través de tres achegas do Plan Concellos. Ademais da subvención concedida na súa última sesión, a semana pasada a Xunta de Goberno tamén aprobou un investimento de 98.500 euros ao abeiro da anualidade 2020 do plan provincial e os recursos completaranse con outra achega que se enmarcará no Plan Concellos 2022.

Cando remate esta actuación as persoas serán as que teñan prioridade nunha avenida na que hoxe en día os vehículos ocupan a maior parte do espazo público. Neste senso, construiranse itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos, beirarrúas cun ancho mínimo de 2,5 metros e unha zona de convivencia sobreelevada de prioridade peonil. Deste xeito, as persoas recuperarán o espazo público da man do modelo de mobilidade amable e sostible da Deputación. Ademais, implementaranse políticas de calmado de tráfico para incrementar a seguridade viaria e melloraranse diversos servizos urbanos.