Noticias

A Deputación aproba o regulamento de teletraballo baseado na igualdade e na corresponsabilidade

Carlos Font: "Resulta evidente que o teletraballo concibido sen perspectiva de xénero sería un completo fracaso. Non imos devolver ás mulleres a casa"


29 outubro 2021
A Deputación aproba o regulamento de teletraballo baseado na igualdade e na corresponsabilidade

O persoal da Deputación de Pontevedra dispón xa dun Regulamento do Teletraballo con perspectiva de xénero e que aposta decididamente pola Igualdade e a corresponsabilidade. O documento foi aprobado definitivamente despois da sesión plenaria celebrada hoxe cos votos favorables do Goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG) e a oposición do PP. O deputado de Réxime Interior, Carlos Font, puxo en valor a nova regulamentación e agradeceu a colaboración dos sindicatos e os  servizos provinciais de Recursos Humanos e Igualdade, "para chegar, despois de sete xuntanzas, a unha norma que é froito dun proceso participativo". O deputado explicou que a pandemia introduciu o traballo a distancia "dun xeito precipitado, pero está claro que viu para quedarse" e recalcou que o novo marco regulador conta cun informe de xénero positivo, elaborado polo persoal técnico provincial, e está aliñado coa defensa do principio de corresponsabilidade familiar.

O Pleno rexeitou as alegacións presentadas polo grupo do PP "porque", en palabras de Font, "definir o teletraballo como conciliación produciría efectos negativos nos dereitos laborais das mulleres". Carlos Font mesmo cualificou como unha "trampa" defender que o traballo dende a casa axuda a conciliar. "Parece que queren devolver ás mulleres aos domicilios", recalcou antes de lembrar que o novo regulamento provincial nace aliñado coa última reforma do Estatuto Básico da/o Empregada/o Pública/o. Dirixíndose ao grupo popular subliñou que a prestación do servizo a distancia debe ser unha ferramenta de Igualdade: "para nós isto é moi importante e seguro que para vostedes, menos". Deste xeito, e para dar contexto ao debate, destacou que das case 3 millóns de persoas que traballan en España a tempo parcial o 74% son mulleres e que o 87,2% das excedencias son solicitadas por mulleres para atender coidados familiares. "Resulta evidente que o teletraballo, concibido sen perspectiva de xénero sería un completo fracaso".

Estrada-8001 Catoira-Caldas

Por outra banda, o Pleno rexeitou unha moción do PP que reclamaba obras na estrada provincial EP-8001, Catoira-Caldas, unha vez que as/os populares negáronse a aceptar a emenda do Goberno na que lle facía ver que a propia Deputación e a Xunta asinaron un protocolo no ano 2010 para a transferencia desta estrada á rede autonómica na medida en que soporta tráficos entre a autovía do Barbanza, na provincia da Coruña, e a Autopista do Atlántico, na de Pontevedra. Unha transferencia que tamén tiña sido solicitada en 2016 polas deputacións de Pontevedra e A Coruña e polos concellos de Catoira e Rianxo.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reprochou ao grupo popular ter rexistrado "unha moción oportunista que xoga con cuestións sensibles, falseando a realidade da conservación desta estrada que segundo os parámetros técnicos está en boas condicións". O deputado lembrou ao PP que é o responsable do trazado desta vía e que o racional, atendendo ás súas características, sería que a vía fose traspasada á Xunta cumprindo co acordado no ano 2010. "Rectifícanse vostedes? Retráctanse daquel acordo?". Agís botou man das estatísticas para indicar que entre 2008 e 2015 producíronse 56 accidentes e dende o ano 2016, é dicir, dende o cambio de goberno na Deputación, a sinistralidade caeu nun 62,5%. Sobre o estado do pavimento revelou que foi obxecto dunha campaña de auscultación en 2016 que determinou que a adherencia do firme está dentro dos criterios técnicos de referencia. Finalmente invitou ao Partido Popular a facer un percorrido pola provincia "e animarse a presentar mocións polo estado lamentable de moitas estradas autonómicas". E así citou expresamente, amosando fotografías das estradas, o mal estado do pavimento e a pintura na PO-264 Paredes-Arcade, PO-442 Crecente-Estación de Frieira, PO-548, Pontecesures-Vilagarcía, PO-234 Ponte Caldelas-Augasantas no seu tramo intermedio, PO-551 Marín-Bueu-Cangas-Moaña-Rande, PO-363 Redondela-Cesantes, PO-235 Carballedo-A Lama, PO-241 Caritel-Antas, PO-300 Mosteiro-Cambados, PO-330 Pereiró-Vincios, PO-325 Vigo-A Ramallosa e Po-546 Pontevedra-Marín.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, reprochou a oportunidade dunha moción que "retrata" ao PP. "En 2010 houbo un accidente gravísimo dun autobús e a nós nin se nos ocorreu aproveitalo para unha moción; chámase carroña". Engadiu que a estrada foi construída sendo presidente da Deputación Mariano Rajoy e reformada sendo presidente Rafael Louzán e engadiu que está "moi claro" que hai tempo que debería ter sido asumida pola Xunta para transformala nunha autovía. "Así que non pidan o que non fixeron; se queren obras de calado hai que petar noutra porta porque a Deputación non constrúe vías de alta capacidade".