Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba o proxecto para a "transformación radical" da EP-3303 Tabagón-Goián ao seu paso polo concello do Rosal

Carmela Silva: "Trátase dun proxecto dunha enorme relevancia, que vai actuar nunha estrada que conecta os concellos do Rosal e Tomiño estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2"


20 febreiro 2021
Investimentos no Rosal

O Goberno provincial acaba de aprobar o proxecto para a execución da mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303 Tabagón-Goián e impulsar a "transformación radical dunha parte moi importante do noso territorio". "Trátase dunha actuación de enorme relevancia –asegurou a presidenta, Carmela Silva–, que vai reformar unha estrada que conecta os concellos do Rosal e Tomiño estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2". O proxecto abrangue un tramo de 1,7 quilómetros que transcorren integramente polo concello do Rosal e contará cun investimento de máis de 650.000 € dos cales 520.355 € serán achegados pola Deputación de Pontevedra (o 80 %) e 130.088 € polo concello (o 20 %).

A presidenta provincial adiantou que esta "potente actuación" contará con varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Na primeira fase, a que acaba de ser aprobada pola Xunta de Goberno, remodelarase un treito de 1,7 quilómetros cun intenso tráfico e tamén unha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinas e peregrinos que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. A través do proxecto, tal e como destacou Silva, "pretendemos deseñar unha estrada na que prime a mobilidade peonil e ciclista, fomentar hábitos saudables, favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, minorar a velocidade do tráfico, reducir o ruído e potenciar o turismo saudable porque este tipo de actuacións atraen a moita xente doutros lugares para gozar do espazo e do territorio".

En concreto, crearase un carril peonil e ciclista, completarase a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionaranse dous carrís de 2,80 metros de ancho, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Ademais, na zona do CRA María Zambrano disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora. "Trátase da nova aposta da Deputación de Pontevedra por outra forma de entender a mobilidade nesta provincia" resumiu a presidenta.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).