Noticias

A Deputación aproba o Plan de Igualdade da institución provincial, o primeiro do estado en realizarse en base a unha auditoría laboral de xénero

Carmela Silva: "é un día histórico e volvemos a ser un referente, hoxe aprobamos a medida máis importante do tempo que levamos no Goberno da Deputación de Pontevedra"


15 decembro 2017
Carmela Silva e Isaura Abelairas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, deu a coñecer esta mañá a aprobación por unanimidade do primeiro Plan de Igualdade da institución. Este plan, segundo informou Silva, "trátase do primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero, que contén unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións".

O 17 de outubro de 2017 levouse á Mesa do Congreso unha proposta para a inclusión da auditoría laboral de xénero coa finalidade de desenvolver o compromiso de transparencia salarial establecido na recomendación da Comisión Europea do 7 de marzo de 2014. Estas cuestións, levadas ao Congreso dos Deputados hai dous meses, "xa as tiñamos nós contemplado antes, polo que somos a primeira administración española en elaborar un Plan de Igualdade en base a esta auditoría", afirmou Carmela Silva.

Por outra banda, a presidenta da Deputación destacou que o Plan de Igualdade tamén contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral que se ten aprobado recentemente, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas. Por estes motivos, "estamos a dar un paso máis adiante xa que as cuestións abordadas no Pacto do Estado en materia laboral e contra as violencias machistas aínda non foron desenvolvidas e nós xa as estamos a promover, antes que ningunha outra administración, a través do noso Plan de Igualdade", indicou Silva.

A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que o Plan de Igualdade ten unha vixencia de tres anos e pretende dar cumprimento á normativa existente no Estado e á lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul. Así, tal e como asegurou Silva, "a través deste plan elimínase toda discriminación contra as mulleres e permite seguir avanzando no desenvolvemento dun marco favorable de relacións laborais baseado na igualdade de oportunidades, a non discriminación e a tolerancia cero ante as situacións de violencia contra as mulleres, promovendo un entorno seguro e saudable para todo o persoal ao servizo desta administración".

Para elaborar o primeiro Plan de Igualdade da Deputación realizouse un estudo en profundidade dos distintos servizos da institución. Desta análise extraéronse cuestións como que o cadro de persoal está integrado por un 60 % de mulleres, que a representación de mulleres nos postos de toma de decisión é maior que a media das entidades locais, que existe unha maior representación sindical de homes que de mulleres, que elas desenvolven o seu traballo nas áreas de política social e réxime interior, que existen servizos masculinizados, que non se estaban impartindo cursos formativos en materia de sensibilización en igualdade e que o Pleno e a Xunta de Goberno está composto por un 44 % de mulleres e un 56 % de homes.

En canto ás licenzas, o estudo previo pon de manifesto que a maioría dos permisos solicitados por mulleres traballadoras da Deputación de Pontevedra refírense ao coidado de familiares e que piden máis permisos as mulleres que os homes por enfermidade, hospitalización ou intervención cirúrxicas.

Pola súa banda, no que ten que ver coa prevención do acoso psicolóxico e violencias machistas, o estudo realizado subliña que, pese a ter aprobado no 2008 un protocolo de actuación en materia de acoso, non se contemplaba o acoso psicolóxico por razón de sexo e que aínda que se aprobou en maio de 2016 un protocolo de prevención das violencias machistas é preciso divulgalo para que o persoal da Deputación de Pontevedra teña coñecemento.

Ademais, o estudio previo ao primeiro Plan de Igualdade, pon de manifesto que aínda existen postos de traballo que non teñen contemplada a linguaxe inclusiva e non sexista nas súas denominacións. Ao respecto, o Plan contempla a revisión completa e a inclusión da linguaxe inclusiva en todos os aspectos, tal e como indica o regulamento aprobado polo Pleno da Deputación de Pontevedra.

A presidenta da institución provincial detallou os principais eixos de actuación do primeiro Plan de Igualdade, entre os que destacan remover os obstáculos que impliquen calquera tipo de discriminación coa fin de ofrecer condicións de igualdade efectiva no acceso ao emprego público e no desenvolvemento da carreira profesional; facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen menoscabo da promoción profesional; fomentar a formación en igualdade, tanto no acceso ao emprego público como ao longo da carreira profesional; promover a presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de selección e valoración; establecer medidas efectivas de protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo; establecer medidas efectivas para eliminar calquera discriminación retributiva, directa ou indirecta, por razón de sexo e avaliar periodicamente a efectividade do principio de igualdade nos seus respectivos ámbitos de actuación.

Para acadalo, tal e como informou Carmela Silva, o Plan de Igualdade ten por obxectivos promover o principio de igualdade garantindo as mesmas oportunidades profesionais; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, e especialmente as derivadas da maternidade, paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e condicións laborais; eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal; previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo; promover mediante accións de comunicación e formación da igualdade en todos os niveis da organización; facilitar a conciliación da vida profesional, persoal e familiar; evitar os posibles riscos derivados do traballo nas mulleres en situación de embarazo ou en período de lactación; prestar apoio no ámbito laboral ás vítimas de violencia de xénero; fixar obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables e establecer sistemas eficaces de control interno e avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que para cada un destes obxectivos, o primeiro Plan de Igualdade "leva asignados milleiros de actividades, soamente o listado ten preto dunha trintena de páxinas" que se plasman de xeito concreto e que, segundo Carmela Silva, "nos están a converter nunha administración referente en materia de igualdade para o conxunto de administracións públicas de todo o Estado".


Novas relacionadas