Noticias

A Deputación aproba o expediente para a contratación do servizo de xestión integral do Centro Castrodeza de Lalín

Carmela Silva: "A través deste espazo estase a promover o patrimonio cultural e o desenvolvemento socioeconómico equilibrado e sustentable en Deza"


04 maio 2020
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o expediente para a contratación, por valor de máis de 126.000 euros, do servizo de xestión integral do Centro Castrodeza de Lalín. Trátase dun espazo, en palabras da presidenta Carmela Silva, desde o que se está a "promover o patrimonio cultural e o desenvolvemento socioeconómico equilibrado e sustentable en Deza".

Mediante este expediente preténdese impulsar un novo contrato, por procedemento aberto, para a xestión integral e o mantemento durante os vindeiros dous anos de "Castrodeza (Gastrodeza): lendas, castros e gastronomía", un espazo situado no Castro Tecnolóxico de Lalín que funciona na vila desde que o inaugurou o actual Goberno en novembro de 2016. O principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor os recursos endóxenos da comarca de Deza e impulsar a súa cohesión a través da promoción do patrimonio cultural, divulgando os principais recursos da mesma.

As empresas interesadas en participar no procedemento aberto e optar, así, a xestión do espazo Castrodeza durante os vindeiros dous anos terán de prazo 15 días naturais desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación do contrato no perfil de contratación. Neste caso, debido á declaración do estado de alarma, a publicación do dito anuncio quedará condicionada ao levantamento da suspensión de prazos prevista no R. D. 463/2020.