Noticias

A Deputación aproba o convenio para o saneamento de Bora, Mourente e o río de Os Gafos

O presidente en funcións, César Mosquera, anuncia unha inversión no Concello de Pontevedra de 2,1 millóns


01 xul 2016
Xunta de Goberno
Xunta de Goberno

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou hoxe a aprobación en Xunta de Goberno do convenio co Concello de Pontevedra para levar a cabo as redes de saneamento nas parroquias de Mourente e Bora e no río de Os Gafos. O orzamento total é de 2.114.157 e será aportado ao 50% polas dúas institucións. Segundo indicou o nacionalista trátase dunha "cantidade económica importante" porque as obras son "fundamentais e necesarias" para o municipio capitalino.

No caso do saneamento de Mourente e Bora, ampliarase a rede ata os lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados, chegando ata 160 casas, unha trintena máis das previstas inicialmente. Nestes momentos o proxecto está xa redactado e licitado, a punto de ser adxudicado: estanse a estudar as 23 ofertas recibidas. Prevese que as obras, cun prazo de execución de nove meses, comecen neste ano, se ben a decisión é coordinar os traballos coas obras que o Ministerio de Fomento realizará na N-541 para non ter que despois levantar o asfalto. Os próximos pasos administrativos serán a aprobación do convenio por parte da Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra e a sinatura pública entre ambas administracións, para a que, segundo anunciou Mosquera, se vai fixar data nos vindeiros días.

No caso do saneamento do río de Os Gafos, o presidente en funcións lembrou que a Deputación asumiu o compromiso de colaborar co proxecto logo de que a Xunta de Galicia dixera que non se implicaba na súa execución. "Esta actuación leva parada moitos anos e que debe saír adiante canto antes, xa que as verteduras de augas residuais polos desbordamentos das arquetas son constantes, sobre todo cando hai moita chuvia", indicou Mosquera. O novo proxecto de mellora da rede de sumidoiros do río de Os Gafos foi redactado por técnicos municipais e aprobado inicialmente en xullo do 2014.  A actuación consiste na reparación e substitución dos colectores e na impermeabilización ou cambio dos pozos situados ao longo do río entre a avenida da Estación e a rúa Otero Pedrayo, e entre esta vía e Lusquiños (Tomeza). A execución, segundo estiman os técnicos municipais, podería ter uns seis meses de prazo.

Segundo afirmou o presidente en funcións, o convenio entre Deputación e Concello de Pontevedra recolle estas obras xorde polos intereses mostrados polo goberno local de Pontevedra, que foi quen priorizou as actuacións. "Como xa demostramos, a nosa prioridade é ir da man dos concellos, respectando a súa autonomía, xa que son os mellores coñecedores das necesidades dos seus veciños", finalizou.