Noticias

A Deputación aproba o convenio para mellorar a estrada provincial entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destacou que se os trámites administrativos van segundo o previsto as obras poderán comezar no verán


20 abril 2018
Obras na carretera provincial de Ribadumia

A Deputación de Pontevedra está a cumprir os pasos administrativos para facer realidade a obra de mellora da estrada provincial EP-9305 entre Coirón e Ribadumia. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a Xunta de Goberno xa aprobou o convenio que deberán asinar a institución provincial e o Concello, que establece que as arcas provinciais aportarán 157.561,761 euros (70 %) e o goberno local 67.526,469 euros (30 %).

Tal e como se anunciou esta mesma semana, a actuación mellora medio quilómetro da estrada provincial que conecta o núcleo urbano de Ribadumia e diferentes elementos de gran relevancia na vila, entre os que destaca o comezo da Ruta da Pedra e da Auga para potenciar a mobilidade peonil e a seguranza viaria na zona a través da construción de novas beirarrúas de 2,5 metros e zonas reservadas a peóns pola marxe esquerda, así como da instalación de elementos de calmado de tráfico que limitarán a velocidade a 30 quilómetros hora.      
A actuación proxectada prevé crear un área reservada para os peóns na marxe esquerda da estrada dando continuidade ás beirarrúas existentes ata o núcleo urbano creando un tránsito peonil seguro. Colocaranse catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) e limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora, incrementando desta forma a seguridade do peón á hora de cruzar a estrada, cumprindo en todo momento coa Lei de accesibilidade de Galicia. A maiores, melloraranse servizos urbanos como o traslado do alumeado público existente e da marquesiña de bus existente á nova aliñación, así como a execución dunha nova rede de pluviais e dunha rede de fecais separadas.

Unha vez aprobado o convenio pola Deputación e tamén polo Concello, asinarase publicamente e a institución provincial procederá á súa licitación, polo que se os trámites administrativos van segundo o previsto, as obras poderían iniciarse no verán ou primeiros do outono.