Noticias

A Deputación aproba o convenio con Sanxenxo e a Comunidade de Montes de Noalla para a posta en valor do xacemento da Lanzada

A institución provincial destina a esta actuación, que comezou o pasado 20 de xullo e se estenderá ata novembro, 262.541 €


12 ago 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración co concello de Sanxenxo e a Comunidade de Montes Veciñais de Noalla para o desenvolvemento e posta en valor do xacemento galaico – romano do campo da Lanzada. En concreto, a través deste convenio, a institución provincial destinará 262.541,48 € á escavación da Lanzada que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano.

A través desta intervención arqueolóxica, a Deputación de Pontevedra, tal e como subliñou a súa Presidenta, Carmela Silva, pretende triplicar á zona visitable da escavación da Lanzada, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías. A Lanzada trátase dun xacemento fundamental para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular, desde o que se desenvolvían actividades comerciais de grande envergadura, conectando esta zona con puntos do Mediterráneo tan distantes como Palestina, Italia ou Tunisia. Tamén neste xacemento atopáronse vestixios que permiten situar á primeira factoría de salgados do noroeste peninsular.

O xacemento da Lanzada está a espertar moito interese, de feito, tal e como asegurou Carmela Silva, "tivemos que organizar quendas de visitas para que as persoas interesadas non interferisen nos traballos realizados polo equipo de 20 especialistas en arqueoloxía da Deputación que están a traballar alí". En concreto, a institución provincial está a organizar dúas visitas guiadas diarias ó xacemento da Lanzada, sen cita previa e de balde, ás 11:00 e 12:15 horas. Todos aqueles que queiran participar nelas so teñen que acercarse a esas horas ao xacemento.

A intervención na Lanzada forma parte do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra.