Noticias

A Deputación aproba novos recursos de 3,5 millóns de euros para os concellos da provincia

A Xunta de Goberno deu luz verde a achegas da Liña 1 do Plan Concellos por 1,6 millóns destinadas a Nigrán, Cambados, Agolada, Gondomar, Forcarei e Poio


05 xuño 2021
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a novos recursos para os concellos da provincia por 3,5 millóns de euros enfocados a mellorar as infraestruturas viarias e de iluminación destes municipios, baixo o modelo de mobilidade sustentable e eficiencia enerxética que promove a institución provincial. Dunha banda, a Xunta deu luz verde a 6 novas achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2021 para os concellos de Nigrán, Cambados, Agolada, Gondomar, Forcarei e Poio, que suman 1,6 millóns de euros e están dirixidas á mellora de viarios municipais e á súa integración no contorno.

No Val Miñor, Nigrán recibirá unha importantísima achega de 702.800 € para financiar o pavimentado de camiños de titularidade municipal. É unha ambiciosa actuación para renovar a rede viaria municipal, cun total de 51 viarios nos que se actuará nos seus diversos treitos. Este concello destina integramente a cantidade que lle corresponde da Liña 1 do Plan Concellos a este proxecto. Pola súa banda, Gondomar contará cunha achega de 136.063 € para a mellora da pavimentación na estrada Areíña-Tercias e no camiño do Monte, na parroquia de Vilaza, dentro da aposta do Concello por mellorar o entorno rural.

Na comarca de Pontevedra, Poio percibirá 391.823 € para o financiamento da recuperación e integración do entorno na rúa Lameiriña e na rúa Caneliñas, na parroquia de Raxó. A actuación proposta consiste nunha rehabilitación do firme para mellorar e integrar a zona, poñendo en valor o entorno existente e contempla a eliminación das barreiras de accesibilidade existentes ao xerar un único plano de circulación tanto de peoas e peóns coma de tráfico rodado, integrando os novos materiais co contorno.

No Salnés, Cambados, terá unha achega de 161.775 € para sufragar a mellora da pavimentación de cinco camiños. Trátase dos viarios Os Caeiros-Pinar de Rei, Cortiñas de Abaixo-Corbillón, camiño do Cruceiro, Couto de Arriba-Castrelo e Sineiro-Vilariño, que teñen a capa de rodaxe moi deteriorada ou non existe, ou contan cun ancho insuficiente.

Finalmente en Deza e Terra de Montes, Forcarei recibirá 151.502 € cos que poderá financiar a mellora do viario de Graña de Umia a Xestoso, así como as súas marxes, na parroquia de Quintillán deste concello. Este viario ten unha lonxitude de 2,3 quilómetros. No caso de Agolada, percibirá 100.020 € para a mellora do camiño de titularidade municipal entre a pista do cemiterio e a ponte Ferreiroa. Serán traballos de mellora (ancheo ou reforzo do firme) e mantemento (tanto do firme como das marxes) nos diferentes treitos deste camiño.

Eficiencia enerxética

O Goberno provincial tamén deu conta da aceptación das novas axudas concedidas a través do IDAE para os proxectos de Iluminación Exterior Sostible que permitirán a renovación das instalacións de iluminación en dez concellos, e deu luz verde á achega provincial para estas actuacións. Os proxectos suman en total un investimento de 1,9 millóns de euros, beneficiando nun primeiro grupo aos concellos de Marín, A Lama, Meaño, Meis e Mondariz-Balneario, e un segundo grupo con Crecente, Forcarei, O Grove, Cambados e A Guarda.

No primeiro caso a aportación do IDAE ascende a un total de 768.995 € e os concellos substituirán 1.674 luminarias e contarán con 48 novas unidades con tecnoloxía LED, cun aforro estimado do 77 %. No segundo grupo, cunha subvención de 783.192 €, substituiranse case 2.000 luminarias por leds de última xeración e elevada eficiencia, coas que se conseguirá un aforro enerxético medio do 71 %.